O PSOE de Oleiros critica a enquisa da AAVV e levará ao pleno mocións sobre pobreza e vivenda

ACoruñaXa
Os socialistas denuncian o "sesgo" da enquisa e critican a exclusión das súas mocións na orde do día do pleno
concello Oleiros
25 Mar 2025

O PSOE de Oleiros afronta o próximo pleno post-enquisa coa responsabilidade de dar resposta ás demandas da cidadanía. O grupo socialista presentará dúas mocións centradas na loita contra a pobreza no concello e na mellora das políticas de vivenda, dous ámbitos nos que consideran que a xestión municipal está a ser un fracaso.

Os socialistas mostran a súa preocupación polo que cualifican como unha "utilización sesgada" da enquisa promovida pola Asociación de Veciños (AAVV), asegurando que a mostraxe non é representativa. Segundo denuncian, 6.680 veciños que votaron á AAVV en 2023 non participaron na enquisa. Ademais, sosteñen que parte dos votos proceden de persoas vinculadas directamente co goberno municipal, o que, ao seu xuízo, distorsiona os resultados.

"Só entre o alcalde, concelleiros e sete asesores contratados a dedo supoñen 20 persoas, case o 1 % de todos os que responderon. Se supoñemos que outras 10 persoas do seu entorno, cuxo futuro laboral e económico depende da súa permanencia no goberno, tamén votasen, podemos estimar que 2.000 das 3.000 respostas recibidas son ‘voto cautivo’. Ademais, 34.000 oleirenses non participaron, polo que é difícil aceptar que esta enquisa con preguntas dirixidas e capciosas sirva para que a AAVV xustifique as súas decisións día tras día en nome da ‘opinión cidadá’", afirman os socialistas.

Desde o PSOE consideran que "a xente está cada día máis farta de demagoxia e populismo", o que explicaría, segundo eles, a baixa participación na enquisa.

O grupo socialista tamén denuncia "unha nova falta de respecto á lei e un exercicio de arbitrariedade" na orde do día do pleno municipal. Segundo afirman, incluíuse unha moción do BNG rexistrada a semana pasada, mentres que as súas propostas levan catro semanas presentadas sen ser incorporadas.

As mocións presentadas polo PSOE instan á creación dun Observatorio contra a Pobreza e á modificación da política de vivenda municipal, que consideran fracasada. "Obviamente, á AAVV non lle interesa falar dos temas nos que o Concello ten plena competencia e nos que a súa xestión é un rotundo fracaso", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.67012596130371