O PSOE de Oleiros alerta dun "notable atraso" nas obras de Santa Cristina

O grupo socialista de Oleiros vén de advertir sobre o notable atraso nas obras que se están a realizar en Santa Cristina, unha preocupación que —aseguran— comparten numerosos veciños da zona. Segundo trasladan os socialistas, o avance dos traballos está moi lonxe do necesario para cumprir coa data anunciada de remate en maio, polo que temen que a intervención volva quedar sen finalizar durante a tempada estival, co conseguinte prexuízo para residentes e visitantes.
Desde o PSOE consideran “imprescindible” que a actuación non se prolongue ata xuño ou xullo, xa que iso suporía "outro verán perdido por culpa das obras". Subliñan que, tras un ano en marcha, o ritmo actual non fai viable cumprir cos prazos comprometidos.
Ademais do atraso, os socialistas critican a falta de control na execución da obra. Apuntan que en varios puntos se colocaron farolas xusto ao carón de árbores de gran porte, o que limita notablemente a súa capacidade de iluminación. “Xa están podadas e aínda así tapan a luz, polo que cando volvan medrar a situación será peor”, sinalan, cuestionando a planificación do proxecto.
Tamén manifestan preocupación pola posible deterioración futura das zonas verdes, onde xa se poden ver marcas de rodeiras provocadas por vehículos. “Se agora non se toman medidas preventivas, no futuro isto irá a peor”, advirten.
En canto á seguridade, os socialistas denuncian prácticas que poderían derivar en accidentes, como ferros con puntas vivas nas beirarrúas, cables mal protexidos e accesibles, raíces de árbores cortadas que poñen en risco a súa saúde e estabilidade, ou postes da luz que seguen ocupando espazo nas novas aceras cando as liñas eléctricas deberían ir soterradas.
Por outra parte, propoñen a creación dun paso de peóns diante do Parque José Martí, co obxectivo de mellorar a conexión da veciñanza coa praia a través desta zona verde.
O PSOE considera que a situación actual non xustifica “paseos triunfais” por parte do goberno local, como o que —din— tiveron lugar recentemente. “Todos os esforzos deberían estar postos en acelerar os traballos, non en sacar peito cando hai tanto por facer”, conclúen.