O PSOE de Irixoa aplaude a aprobación da ampliación da DP-3903 entre Adragonte e Vilamateo

O PSOE de Irixoa celebrou este 19 de febreiro de 2026 a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da aprobación definitiva do proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP-3903, entre Adragonte e Vilamateo por Ambroa, unha intervención que a formación asegura ter reclamado 'en distintas ocasións' pola súa relevancia para a seguridade viaria no municipio.
Desde a agrupación local lembran que se trata dunha demanda 'reiterada' trasladada ao goberno provincial que preside Valentín González Formoso, ao considerar prioritario actuar nun tramo especialmente estreito, no que o cruce de vehículos resulta difícil en condicións de seguridade.
A portavoz socialista, María José Cal, cualificou a nova como 'moi boa' para o concello e apuntou que 'os catro metros de ancho facían moi complicado e perigoso o cruce de dous vehículos'. Nesta liña, subliñou que, unha vez completados os trámites de expropiación e coa aprobación definitiva xa formalizada, 'están dadas todas as condicións' para que a Deputación poida sacar a concurso a obra nas vindeiras semanas e iniciar a execución 'nun prazo curto de tempo'.
Segundo o PSOE, a actuación, cun investimento próximo ao millón de euros, permitirá ampliar a estrada dos actuais 4 metros ata os 8 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros e beiravías laterais, mellorando así as condicións de circulación e facilitando o cruce seguro. 'É unha vía moi utilizada pola veciñanza e tamén por vehículos agrícolas e de servizos', engadiu Cal, que concluíu agradecendo o compromiso da Deputación para executar a obra 'este mesmo ano'.