O PSOE de Culleredo lamenta as declaracións do PP sobre a Torre de Celas
O PSOE de Culleredo lamenta as “burdas terxiversacións da realidade” que está a facer o Partido Popular de forma malintencionada coa Torre de Celas. Expón que é absolutamente falso que o Concello teña paralizada a rehabilitación do ben cultural, unha cuestión, que consideran, totalmente necesaria debido ás humidades que apareceron co paso do tempo e que levaron á tramitación de traballos para a súa restauración.
Así, o Concello de Culleredo encargou en 2017 o proxecto de restauración da Torre de Celas para solicitar en 2018 a axuda estatal dentro do programa de Conservación do Patrimonio Histórico Español, coñecido como o 1,5 % cultural. Foi unha decisión consensuada pola corporación. A resolución desta axuda produciuse en decembro de 2019, sen sorte para Culleredo, xa que os fondos estatais só chegaron a 99 das 217 peticións.
Indican que a partir dese momento, e tras a pandemia, o goberno local decidiu apostar por esta actuación con cargo a fondos propios dada a importancia patrimonial da Torre de Celas. O investimento foi incluído nos orzamentos, que recibiron o voto en contra do Partido Popular.
“Como se sinalou en múltiples ocasións, a falta de persoal ralentizou os trámites administrativos nos dous últimos anos, entre eles as contratacións de obras, situación á que tamén contribuíu o PP cos seus obstáculos á RPT. Esta escaseza de persoal estase solucionando nos últimos meses con novas incorporacións nos diferentes departamentos”, afirman os socialistas.
Fan fincapé en que agora que se están acelerando as tramitacións, semella que xorde o interese, ata agora inexistente, do PP pola Torre de Celas, intentando colgarse a medalla por unha rehabilitación xa prevista e aprobada polo Concello e pola Dirección Xeral de Patrimonio. É a demagoxia á que nos teñen acostumados.
O goberno socialista de Culleredo subliña que seguirá en todo momento as indicacións dos técnicos municipais e da Xunta para realizar a restauración do monumento acorde coas súas características patrimoniais, e non as opinións carentes de base dun concelleiro do PP que só é coñecido por difundir fake news sen ningún tipo de pudor.