O PSOE de Culleredo acusa á portavoz do PP de mentir con fotos antigas da estrada de Orro

O PSOE de Culleredo acusa á portavoz do Partido Popular, Izaskun García Gorostizu, de difundir información falsa sobre o estado da estrada provincial de Orro, compartindo imaxes que, segundo os socialistas, non se corresponden coa situación actual da vía tras as obras acometidas pola Deputación da Coruña.
Segundo denuncian desde o grupo socialista, a líder do PP publicou o pasado luns tres fotografías de diferentes puntos da estrada, presentándoas como actuais, cando en realidade pertencen a meses atrás. Foron os propios veciños da zona, segundo indica o PSOE, quen alertaron da “maniobra indecorosa” ao comprobar que as imaxes non reflectían a realidade actual.
Os socialistas destacan que a vía conta hoxe con beirarrúas finalizadas, calzada reparada e pintada, iluminación e medidas de seguridade viaria que non aparecen nas fotos difundidas por Gorostizu. “As imaxes reais demostran que a portavoz popular ocultou intencionadamente os avances na infraestrutura”, afirman.
A pesar da denuncia pública realizada polo goberno local o pasado martes, o PSOE lamenta que García Gorostizu “non rectificase nin amosase ningún tipo de honra política, senón que optou por continuar co seu discurso baseado en falsidades”.
Desde o PSOE consideran que esta actuación “responde unicamente a intereses electoralistas” e instan á portavoz do PP a pedir desculpas á veciñanza “pola súa vergonzosa metedura de pata”. Segundo apuntan, esta actitude “non fai máis que reforzar o descrédito que a señora Gorostizu leva acumulado neste mandato ao bloquear sistematicamente a acción do goberno local”.