O PSOE de Carral esixe desculpas a Ángel García Seoane tras ir contra da voceira Patricia Blanco

ACoruñaXa
O grupo socialista rexeita as declaracións do alcalde de Oleiros e líder de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane
concello carral
6 Apr 2025

A agrupación socialista de Carral amosa o seu total rexeitamento ás declaracións realizadas polo alcalde de Oleiros e líder de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, quen na súa intervención nun programa radiofónico lanzou acusacións e insultos contra a voceira local do PSdeG-PSOE, Patricia Blanco.

Dende o PSdeG-PSOE de Carral cualifican estas palabras de "inxustificadas" e “alleas á realidade”, e esixen ao Sr. García Seoane unha desculpa pública. “A nosa voceira non participou na aprobación de ningunha ilegalidade”, aseguran, ao tempo que afirman descoñecer “a que se refire exactamente o Sr. García Seoane”.

A formación socialista subliña que “de existir algún tipo de irregularidade, serían as habilitadas nacionais presentes no Pleno as encargadas de advertilo, e non unha persoa allea ó Concello que nin sequera estaba presente”.

Segundo sinalan, Patricia Blanco limitouse a votar a favor do pago de facturas e subvencións “que se presentaron como mocións e non como puntos na orde do día, seguindo o criterio da Secretaria Municipal, que establece que a urxencia debe aprobarse por maioría absoluta”.

Ademais, destacan que a voceira socialista tamén apoiou “plasmar mediante moción os acordos acadados co alcalde de Carral o pasado 4 de febreiro”, malia que “Alternativa dos Veciños votou en contra de poñer negro sobre branco ditos compromisos”.

Outro dos puntos que quixeron destacar é o traballo constante da voceira en relación co Servizo de Axuda no Fogar. “Patricia Blanco leva avisando dende setembro da situación que se podería dar coa nova empresa adxudicataria, presentando incluso unha moción con medidas de control sobre a calidade do servizo e as condicións laborais”, afirman.

Con respecto ao proxecto do paso de peóns na Costa do Pincho, explican que a súa abstención responde “á falta de información, á ausencia dun informe de intervención e ás advertencias de técnicos sobre a súa perigosidade”.

A agrupación socialista de Carral conclúe lembrando que “Patricia Blanco actúa sempre conforme ás directrices da Agrupación Municipal, aos Estatutos do PSdeG-PSOE e ao programa co que nos presentamos ás eleccións municipais”. Así mesmo, lamentan a falta de diálogo co actual alcalde, asegurando que “desde xuño de 2023 só houbo unha reunión en decembro, e dende entón nin sequera respondeu ás peticións de encontro”.

“Os problemas internos que teña o seu partido deberá resolvelos no seu ámbito, sen embarrar a situación política do Concello”, remarcan, e insisten en que “en ningún momento a nosa voceira se pronunciou sobre asuntos internos doutros partidos políticos”.

⚙ Configurar cookies
0.15129709243774