O PSOE de Cambre presentará candidatura na investidura para desbloquear a situación política

O PSdeG-PSOE de Cambre anunciou que dará un paso adiante e presentará candidatura no próximo pleno de investidura, coa intención de poñer fin ao prolongado bloqueo institucional que afecta ao concello. Así o comunicou o voceiro socialista Diego Alcantarilla nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do partido na Coruña, destacando que “como forza maioritaria da esquerda en Cambre, actuamos por responsabilidade e polo compromiso que temos coa veciñanza”.
Alcantarilla subliñou que a prioridade do seu grupo é “superar unha situación que leva meses prexudicando seriamente ao funcionamento do Concello, ás empresas locais e á calidade de vida da cidadanía”. Para o socialista, a saída do PSOE do goberno local hai máis dun ano foi unha decisión necesaria, despois de que Unión por Cambre rexeitase a proposta de que os socialistas asumisen a área de contratación para desbloquear a xestión municipal.
“Non podiamos seguir sendo cómplices dunha parálise institucional que só foi a peor”, afirmou, lembrando que a negativa do partido dirixido por Óscar García Patiño a ceder competencias agravou a situación, ata chegar ao punto actual, con dúas renuncias á alcaldía en menos de dous anos.
Desde o PSOE defenden que Cambre necesita un goberno progresista que poña os intereses da veciñanza por diante de calquera outra consideración. “É posible un goberno de esquerdas en Cambre, e deixamos claro que pola nosa parte non faltará vontade nin diálogo”, declarou Alcantarilla, asegurando que o seu compromiso co municipio “segue intacto”.
A formación socialista chama así á responsabilidade do resto das forzas políticas para construír unha alternativa estable e centrada na recuperación do rumbo institucional e no benestar da cidadanía.