O PSOE de Cambre acusa a UxC de facilitar a alcaldía ao PP

ACoruñaXa
O grupo socialista anuncia que asumirá un papel claro e firme na oposición
Imaxe do Concello de Cambre
18 Apr 2025

O PSOE de Cambre traslada que a decisión de Unión por Cambre (UxC) de absterse no pleno de investidura previsto para o vindeiro luns suporá, na práctica, a chegada do Partido Popular á alcaldía de Cambre. Sen presentar unha candidatura propia nin apoiar unha alternativa progresista, UxC permite que o bastón de mando pase a mans da dereita, segundo o PSOE de Cambre.

Desde a formación socialista consideran que esta postura non é froito do azar, senón “unha decisión política consciente”. Segundo o PSOE de Cambre, “UxC decidiu non gobernar, pero tamén decidiu que gobernase o PP”. “Se Cambre terá un goberno do Partido Popular, será única e exclusivamente porque UxC así o permitiu”, afirman.

O PSOE de Cambre sinala que a situación actual é consecuencia directa da crise interna que arrastra UxC nos últimos meses, coa dimisión de dous alcaldes —Óscar García Patiño e María Pan—, a marcha de dous concelleiros e a renuncia doutra candidata a recoller a acta. Unha sucesión de episodios que, segundo os socialistas, “evidencia a descomposición total do proxecto político” da formación local.

Desde o PSOE lembran que, hai un ano, ofreceron asumir a área de contratación como vía para desbloquear a parálise institucional que vivía o concello. “Queríamos evitar precisamente o que agora ocorreu”, indican. “Pero UxC optou entón, como agora, por relegar os intereses das veciñas e veciños en favor dunha concepción personalista e autoritaria da política”, afirman desde a formación.

Tamén critican que, nos últimos días, UxC propuxese unha fórmula de goberno conxunta entre PSOE, BNG e PP, unha proposta que cualifican como “sen sentido político nin respaldo democrático”. Para o PSOE de Cambre, trátase dun intento de “condicionar a gobernabilidade desde a renuncia, sen asumir responsabilidades”.

Ante este novo escenario, o PSOE de Cambre anuncia que asumirá un papel claro e firme na oposición, co obxectivo de reconstruír unha alternativa progresista para o municipio. “Traballaremos desde a responsabilidade, con transparencia e firmeza. Tras a descomposición de UxC, as persoas progresistas de Cambre poden contar co Partido Socialista para construír a alternativa de esquerdas que Cambre precisa”.

⚙ Configurar cookies
0.17485308647156