O PSOE de Arteixo solicita a instalación dunha beirarrúa na rúa Igrexa

O grupo municipal socialista de Arteixo vén de solicitar ao Concello a instalación dunha beirarrúa na senda peonil da rúa Igrexa, unha zona que, segundo denuncian, non conta coas condicións axeitadas de seguridade nin limpeza para o tránsito peonil.
O portavoz do grupo socialista, Martín Seco, explica que nas obras executadas polo propio concello nas rúas Igrexa e Paseo do Santuario modificouse a circulación viaria e construíronse beirarrúas en ambos lados do Paseo do Santuario. Porén, “na rúa Igrexa só se deixou unha zona de circulación para peóns separada do tráfico mediante postes en certos tramos, unha solución insuficiente”, sinala Seco.
Segundo denuncian, a senda peonil atópase habitualmente “invadida pola maleza e chea de lixo”, o que, ao seu xuízo, pon en risco tanto a seguridade como a dignidade do espazo público. “Despois do esforzo por realizar as obras, entendemos que sería necesario construír unha beirarrúa nesa senda e mantela en bo estado de limpeza”, subliña o portavoz socialista, quen tamén insta ao alcalde, Carlos Calvelo, a asumir responsabilidades. “Que se deixe de agochar detrás da Deputación, cando foi o propio Concello quen executou estas obras”, afirma.
Por outra banda, desde o PSOE de Arteixo tamén sinalan que existía un problema de seguridade viaria no cruce entre a rúa Santuario e a rúa Nova Mocidade, debido á escasa visibilidade ao realizar o stop. Nese sentido, agradecen ao grupo de goberno que atendera a súa demanda e procedera á instalación dun espello que mellora a seguridade nese punto.
“Valoramos que se atendera esta petición concreta, pero seguimos reivindicando actuacións urxentes e responsables para garantir o benestar e a seguridade da veciñanza”, conclúe Seco.