O PSOE de Arteixo reivindica a construción dunha nova residencia de maiores

ACoruñaXa
Os socialistas, grupos do BNG e Alternativa dos Veciños, presentarán unha moción no pleno
Vista+de+Arteixo
28 Jan 2025

O PSOE de Arteixo sinala que, xunto cos grupos do BNG e Alternativa dos Veciños, realizarán a presentación dunha moción de urxencia no pleno de xaneiro para solicitar ao goberno local a iniciar a construción da nova residencia de maiores.

O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que en plenos anteriores presentaron varias iniciativas para instar ao goberno local a pedirlle á Xunta de Galicia a construción dunha nova residencia de maiores en Arteixo, “xa que é a administración autonómica a que ten competencias exclusivas nesta materia” e atender así “unha reivindicación social de moitas veciñas e veciños” despois de recoller miles de sinaturas.

“O propio pleno do concello de Arteixo aprobou por unanimidade unha moción que pedía que se aceptasen as emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, onde figuraba a construción desta nova residencia” sinala Seco, que engade: “Pero esas emendas foron rexeitadas polo Partido Popular no Parlamento de Galicia, “o que fará imposible que se redacte o proxecto neste ano”.

Martín Seco explica que outras administracións locais “ante a inacción do goberno galego” deciden asumir unha competencia que é autonómica e iniciar a construción desas infraestruturas para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas. “O noso concello ten a sorte de dispoñer dunha forte capacidade de investimento cun elevado orzamento que debera de ser utilizado prioritariamente para dar mellor calidade de vida á nosa veciñanza” insiste o portavoz socialista, e reclama que na oferta de servizos do concello “sexa prioritario o benestar dos nosos maiores” polo que o grupo socialista, xunto co resto da oposición, insta ao goberno local a iniciar os trámites para atender esta demanda da veciñanza “cos seus propios medios, independentemente se conta ou non coa colaboración doutras administracións”.

“Ante a falla de compromiso do goberno da Xunta de Galicia de Alfonso Rueda coa cidadanía arteixá, o goberno local debe e pode afrontar xa o problema” reclama Seco, quen demanda que o concello asuma a construción desta nova residencia municipal e xestione a totalidade das prazas ofertadas “tan necesarias para a nosa veciñanza”.

Ademais “non hai excusas” remata Martín Seco, cando “segundo as informacións do propio grupo de goberno do PP o Concello ten a disposición unha parcela situada na parroquia de Pastoriza para tal fin, polo que só depende do compromiso real do PP no goberno de Arteixo e na Xunta de Galicia”.

0.16156387329102