O PSOE de Arteixo reclama unha solución ante os problemas de mobilidade nas naves de Jevaso

ACoruñaXa
Os traballadores da zona teñen solicitado ao goberno local fórmulas para aumentar as prazas de estacionamento para evitar que os vehículos aparquen nas cunetas
avenida-do-embalse-jevaso
26 sep 2024

Os socialistas de Arteixo reclaman solucións ao goberno local para os problemas de mobilidade e aparcamento nas inmediacións das naves de Jevaso ante o risco que provocan os vehículos aparcados nas cunetas.

Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, explica que a representación sindical de UGT no Comité de Empresa dos centros de traballo da empresa Jevaso no polígono de Sabón, aproveitou as reunións co goberno local polo seu conflito laboral coa dirección da empresa para solicitarlle ao concello que buscase “fórmulas para aumentar as prazas de aparcadoiro que existen nas inmediacións das naves sitas na avenida do embalse”.

Seco recorda que nestes momentos, cun cadro de persoal en crecemento, poden estar traballando nesa zona unhas mil persoas, entre persoal de empresa e ETT´s” e que “a situación se complica día tras día, co risco de que se está a aparcar nas cunetas e  a transitar pola estrada”.

No grupo socialista “somos coñecedores de que hai poucas datas reiteraban esta solicitude” e que na  solicitude tamén incluían a instalación de máis pasos peonís, porque en toda a beirarrua únicamente hai dous, “un á altura de Carbugal e outro diante das oficinas de Jevaso”.

Os socialistas sosteñen que “unha das necesidades urxentes de mobilidade que ten o noso concello é actuar no polígono de Sabón” que precisa mellorar a conexión peonil con beirarúas e pasos seguros, construír carrís bici, e facer acordos coas empresas para diminuír o tránsito de vehículos privados con outras fórmulas de mobilidade sostible, pero segundo Martín Seco “nas actuacións realizadas hai poucas datas observamos pouca decisión no goberno local”.

Os socialistas opinan que goberno local debe explicar cales foron as iniciativas levadas a cabo trala solicitude presentada polos representantes dos traballadores de Jevaso e cales vai executar realmente.

0.18767690658569