O PSOE de Arteixo reclama obras urxentes na AC-415 entre Meicende e Sabón tras accidente mortal

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu poñer o foco na seguridade viaria da AC-415, no tramo que vai de Meicende a Sabón, tras o último accidente con resultado mortal ocorrido en setembro. Os socialistas alertan de que a contorna coñecida como a baixada da Choupana é un punto negro: forte pendente, firme que resbala coa choiva, iluminación insuficiente e ausencia de beiravía nalgún tramo, circunstancias que favorecen o exceso de velocidade e o risco de sinistros.
Segundo explica o portavoz do PSOE, Martín Seco, o problema arrastra anos de inacción. Recorda que en 2007 existiu un proxecto da Xunta dotado con case 2 millóns de euros para mellorar a seguridade entre Meicende e Sabón que nunca chegou a executarse. En 2015, engade, ese tramo foi cedido ao Concello de Arteixo, que asumiu o seu mantemento sen que ata o de agora se notasen actuacións significativas para paliar os perigos denunciados pola veciñanza.
Os socialistas levan meses presentando iniciativas en distintos puntos de Pastoriza e Oseiro e levaron ao último pleno un rogo que reclama medidas urxentes. Entre as solucións propostas figuran a revisión e mellora do firme, a instalación de sinalización de risco máis visible e a implantación de elementos que obriguen a reducir a velocidade —por exemplo, pasos sobreelevados, bandas sonoras ou plataformas redutoras— ademais de reforzar a iluminación e habilitar beiravías onde sexa posible.
'Falamos dun vial coa combinación perfecta para a traxedia: pendente pronunciada, superficie esvaradía e vehículos que baixan a demasiada velocidade. Era cuestión de tempo', sinala Martín Seco, que pide ao goberno local que non espere máis para executar actuacións preventivas. O PSOE subliña que a seguridade viaria é unha responsabilidade política e reclama unha resposta inmediata para protexer a vida da veciñanza e previr novos accidentes.