O PSOE de Arteixo reclama melloras urxentes nas novas zonas de aparcadoiro público

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de presentar un rogo no último pleno municipal para esixir ao Goberno local que actúe de inmediato no acondicionamento das novas áreas de estacionamento situadas nas rúas Sinforiano López e Travesía da Avenida de Fisterra.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembrou que xa no pleno de decembro de 2023 o seu grupo advertira do “abandono e falta de seguridade” na zona entre Sinforiano López e Guerra da Independencia, onde numerosos vehículos se aparcan nun solar “sen as condicións axeitadas”. Nese momento, segundo explicou, preguntárase pola posibilidade de ceder as parcelas para uso público, pero a resposta do concelleiro de Urbanismo fora que “esa non era a solución”.
Seco amosou agora a súa sorpresa ao comprobar que, un ano e medio despois, o propio Concello anunciaba nas súas redes sociais a cesión de dúas parcelas precisamente para ese fin. Con todo, o portavoz socialista sinala que, aínda que as fincas foron desbrozadas, “seguen sen acondicionar”, polo que o acceso continúa a ser problemático e “a zona está exposta á acumulación de terra e lodo”.
Por iso, desde o Grupo Socialista insisten na necesidade de que o Goberno local execute as actuacións necesarias para transformar estes espazos en zonas seguras, accesibles e adecuadas para o uso público. Reclaman que se garantan unhas mínimas condicións de seguridade e salubridade para os veciños e veciñas que utilizan estes aparcadoiros a diario.