O PSOE de Arteixo reclama melloras urxentes na Avenida da Praia polo seu mal estado

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de denunciar o “lamentable estado” no que se atopa a Avenida da Praia, unha das principais vías de acceso ao Polígono de Sabón e á zona de Rañobre. Segundo advertiu o portavoz socialista, Martín Seco, trátase dunha estrada con “fochancas e numerosos desperfectos” que supoñen un perigo real tanto para vehículos como para peóns e ciclistas.
Durante o último pleno, Seco manifestou a súa preocupación polo deterioro do firme nesta vía, moi transitada diariamente por camións de gran tonelaxe, autobuses de transporte público, coches particulares, bicicletas e viandantes. “Non só pode causar danos nos vehículos, senón que tamén representa unha ameaza real de accidente, especialmente tendo en conta que a zona carece por completo de beirarrúas ou carrís bici”, sinalou.
Desde o PSOE consideran “inaceptable” que nunha área industrial e de servizos da importancia de Sabón non existan condicións mínimas que garantan unha circulación segura e accesible. “A falta de planificación e investimento nas infraestruturas básicas está a afectar tanto á veciñanza como ás empresas do contorno”, engadiu Seco.
Por todo isto, os socialistas reclaman ao Goberno municipal do PP que actúe “con carácter urxente” e acometa o acondicionamento integral da Avenida da Praia. Tamén solicitan a adecuación das rúas do polígono para garantir a seguridade de peóns e ciclistas, mediante a creación de beirarrúas e carrís bici en condicións.