O PSOE de Arteixo reclama medidas urxentes para controlar os ruídos nas vivendas

ACoruñaXa
Especialmente tras as queixas da veciñanza da rúa Cidade de Bos Aires pola actividade dunha academia de baile
Vista+de+Arteixo
14 Apr 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo volve poñer o foco sobre a problemática dos ruídos que afecta a varios barrios do municipio, especialmente tras as queixas da veciñanza da rúa Cidade de Bos Aires pola actividade dunha academia de baile situada nun baixo.

Durante o último pleno, os socialistas preguntaron ao executivo local se ten previsto cumprir os compromisos adquiridos coa Valedora do Pobo, despois de que esta interviñese por mor dunha denuncia veciñal. Segundo lembrou o voceiro do grupo, Martín Seco, o goberno comprometeuse a redactar unha ordenanza específica de control de ruídos, formar ao persoal municipal e dotarse de equipos de medición adecuados. Porén, meses despois, o PSOE considera que non se teñen dado pasos firmes para abordar a situación.

Seco insiste en que a veciñanza afectada continúa nunha situación de indefensión fronte a actividades molestas e reclama máis rigor na concesión de licenzas, así como unha regulación clara sobre os horarios de funcionamento en zonas residenciais. Asegura que limitar o horario de actividades como a da academia –que actualmente pode operar ata as dúas da mañá ao ser tratada como local de ocio nocturno– debería ser prioritario para garantir o descanso e a saúde dos residentes.

Desde as filas socialistas tamén se sinala a necesidade de que o Concello dispoña de medios técnicos e humanos suficientes para facer cumprir a normativa, tal e como establece o decreto 106/2015 da Xunta de Galicia, que permite ás administracións locais regular estes aspectos mediante ordenanzas específicas.

“A día de hoxe, o funcionamento de moitos locais depende só da vontade dos seus propietarios, sen que exista un marco claro que protexa á veciñanza”, denuncia Seco, quen reclama ao goberno local que deixe de poñer escusas e actúe con responsabilidade para garantir o benestar da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.29002285003662