O PSOE de Arteixo reclama medidas urxentes ante os episodios de contaminación no río Bolaños

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volve poñer o foco na situación do río Bolaños, denunciando que continúa a sufrir verteduras contaminantes ao seu paso polo núcleo urbano e polo polígono industrial de Sabón, sen que o Goberno local, encabezado polo Partido Popular, actúe para corrixilo.
O portavoz socialista, Martín Seco, alertou de que nas últimas semanas rexistráronse episodios “especialmente graves”, nos que a auga do río chegaba “completamente branca” e cun “cheiro insoportable”, segundo relataron varios veciños e veciñas que pasean pola contorna ou se achegan á praia do Rañal, onde desemboca o río. O socialista lembrou que este areal conta con bandeira azul e recibe a diario unha alta afluencia de familias, polo que “debería gozar dunhas condicións ambientais dignas”.
Seco denunciou a inacción do executivo local e lamentou que, malia as reiteradas advertencias e propostas do seu grupo, o alcalde Carlos Calvelo siga sen adoptar medidas efectivas: “Non pode ser que, tras 14 anos de goberno, o PP siga mirando cara outro lado mentres un río que atravesa o centro do noso concello e desemboca nunha das nosas praias máis frecuentadas siga cheo de contaminación”. E engadiu: “Debera de ser hora para pasar das palabras aos feitos e tratar de controlar que o río que atravesa o núcleo urbano o faga limpo e coidado”.
O grupo socialista demanda que o Concello “actúe dunha vez por todas”, execute as inversións necesarias na rede de saneamento para evitar novas verteduras e poña en marcha un plan municipal de control, incluíndo sistemas de detección e sanción ás empresas ou entidades que resulten responsables da contaminación.
Desde o PSOE de Arteixo subliñan que a defensa da calidade ambiental e dos espazos naturais debe ser unha prioridade real “e non un mero slogan publicitario como para o Partido Popular”, conclúe Martín Seco.