O PSOE de Arteixo reclama información sobre a Rede de Muros Municipais

ACoruñaXa
Queren coñecer o estado da moción para permitir a creación de murais urbanos en fachadas medianeiras
arte-urbano
17 Feb 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo solicita aclaracións sobre a situación actual da Rede de Muros Municipais, unha iniciativa posta en marcha no ano 2009 para apoiar a arte urbana e rehabilitar espazos degradados. Ademais, queren coñecer o estado da moción presentada polos socialistas para permitir a creación de murais urbanos en fachadas medianeiras do Concello.

Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista, sinala que no ano 2009 nacía a Rede de Muros Municipais, un acordo entre o Concello de Arteixo e a asociación Arteixo Crea vinculada á cultura urbana para a visibilización e dignificación das artes do grafiti e hip-hop, con 8 espazos municipais para o seu desenvolvemento.

O obxectivo da iniciativa era rehabilitar espazos urbanos degradados por pintadas que nada tiñan que ver co grafiti e darlle un espazo a aqueles que queren desenvolver a súa arte urbana, como nas pontes do paseo fluvial de Arteixo ou o barrio de Sol y Mar.

“Dende entón, nada sabemos”, continúa Martín Seco, que recorda tamén que no ano 2021 os socialistas presentaron unha iniciativa para loitar contra o feísmo no concello mediante a arte urbana. A iniciativa consistía en poñer en marcha “un plan de murais urbanos para mellorar as medianeiras dos edificios e apostar pola arte, tal e como fan moitos concellos galegos, como Lugo, Carballo ou Fene” sinala Seco, e no mandato anterior “denunciamos que o goberno local seguise sen cumprir o acordo tomado” para poñer en marcha un programa de murais urbanos para poñer medianeiras dos edificios e outros espazos ao dispor dos artistas.

“A iniciativa foi aprobada por unanimidade pero, como é habitual neste grupo de goberno, segue sen executar”, explica o concelleiro socialista, así que “queremos saber” cal é a situación na que se atopa a Rede de Muros Municipais para o desenvolvemento da actividade grafiteira no concello e cal é o estado da moción presentada polo grupo socialista para utilizar fachadas medianeiras para elaborar murais urbanos.

 

⚙ Configurar cookies
0.17138504981995