O PSOE de Arteixo reclama a reactivación da Oficina Municipal de Información ao Consumidor

ACoruñaXa
Desde o grupo socialista instan ao Goberno municipal a reactivar de maneira urxente a OMIC
Vista+de+Arteixo
10 Mar 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo volve solicitar a reactivación da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), que, segundo indica, permanece pechada desde hai tempo.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que xa no mes de maio de 2024 o grupo presentou unha moción para pedir a recuperación deste servizo ante os continuos cambios de localización e a falta de actuación por parte do goberno local. Segundo denuncia, a situación agravouse aínda máis debido á baixa laboral da persoa asignada á oficina, que o Concello segue sen substituír.

"O goberno local xustifica o peche pola baixa da traballadora asignada, pero despois de tanto tempo isto non pode ser unha escusa para prescindir dun servizo esencial para a cidadanía", afirma Seco. O socialista subliña a importancia da OMIC, especialmente nun momento no que as fraudes e estafas son cada vez máis frecuentes e no que moitos veciños, especialmente os de menor formación dixital, teñen dificultades para xestionar os servizos básicos.

Desde o PSOE de Arteixo instan ao Goberno municipal a reactivar de maneira urxente a OMIC, dotándoa de persoal cualificado e dunha localización axeitada que garanta a privacidade dos usuarios e usuarias, unha condición que, segundo denuncian, non se estaba respectando antes do seu peche.

⚙ Configurar cookies
0.081161975860596