O PSOE de Arteixo propón un Plan Municipal de Vivenda para mobilizar o parque baleiro

ACoruñaXa
A formación presentará unha moción que inclúe unha batería de propostas relacionadas coas medidas do Goberno de España
Vista+de+Arteixo
20 Jun 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao pleno de xuño unha moción na que amosa o seu apoio ás novas medidas impulsadas polo Goberno de España para facer fronte á emerxencia habitacional e propón, ao mesmo tempo, a elaboración dun Plan de Vivenda Municipal que permita activar o numeroso parque de vivendas baleiras existente no municipio e facilitar o acceso a alugueiros a prezos razoables para a veciñanza.

O voceiro do grupo, Martín Seco, lembra que “a vivenda é un dereito constitucional” e unha necesidade social básica que, a día de hoxe, “está en situación crítica, sobre todo para a mocidade e as familias traballadoras”, debido ao continuo encarecemento dos prezos, á escasa oferta de alugueiro e á falta dunha política pública efectiva tanto a nivel autonómico como local.

Seco sinala que o Goberno central puxo enriba da mesa na recente Conferencia de Presidentes un novo Acordo Estatal de Vivenda que triplica o investimento actual, aposta pola creación de vivenda social de protección permanente, o blindaxe do parque público, a transparencia dos prezos e a activación de políticas públicas reais. Porén, denuncia que a Xunta de Galicia segue sen aplicar a Lei de Vivenda, sen aceptar os fondos estatais e sen declarar zonas tensionadas onde aplicar os mecanismos de control establecidos na normativa.

No caso concreto de Arteixo, o PSOE advirte que a situación é especialmente preocupante. “Estamos nun concello con presión industrial e metropolitana, con centos de vivendas baleiras e sen acceso razoable para a veciñanza, mentres o goberno local non actúa, non aplica a Lei de Vivenda e continúa prometendo proxectos que nunca chegan”, sinalan desde o grupo socialista.

A moción inclúe unha batería de propostas que pasan por apoiar as novas medidas do Goberno de España como un cambio estrutural na política de vivenda; instar á Xunta de Galicia a incrementar a súa achega ata un 40 % no novo Plan Estatal de Vivenda e a aplicar sen máis demoras a lexislación vixente; modificar a normativa galega para blindar o parque público e evitar a descualificación de vivendas financiadas con fondos públicos; realizar un estudo sobre os prezos do alugueiro e a capacidade económica da veciñanza co obxectivo de declarar Arteixo como zona tensionada se se cumpren os requisitos legais; construír vivenda pública con urxencia tanto nas parcelas xa previstas como na contorna da Penouqueira; poñer en marcha un Plan Municipal de Vivenda que mobilice as vivendas baleiras mediante garantías e incentivos para os propietarios e alugueiros a prezos accesibles; e instar á Xunta a crear unha base de datos compartida cos prezos do mercado e a colaborar na xestión eficaz dos fondos públicos destinados á vivenda.

“O acceso á vivenda non pode depender de ideoloxías nin de cálculos partidistas. A cidadanía necesita solucións e os concellos debemos actuar coa responsabilidade que nos corresponde. En Arteixo temos capacidade para facer máis e mellor, e desde o PSOE poñemos propostas concretas enriba da mesa”, conclúe Martín Seco.

⚙ Configurar cookies
0.17120695114136