O PSOE de Arteixo propón un concurso de ideas para mellorar os accesos viarios ao municipio

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao pleno de xullo unha proposta para poñer en marcha un concurso de ideas que permita dignificar e mellorar a imaxe dos principais accesos viarios ao concello. A iniciativa, que conta co aval do programa electoral socialista de 2023, prevé a colaboración cos Colexios Oficiais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños de Galicia para garantir solucións de calidade técnica e urbanística.
O portavoz socialista, Martín Seco, defende que o obxectivo é dotar a entrada ao municipio dunha identidade visual moderna e recoñecible. “Falamos de espazos que, a día de hoxe, non reflicten nin a vitalidade nin a importancia económica e social de Arteixo. Cómpre unha intervención planificada que mellore a estética, a funcionalidade e a acollida que ofrece o noso municipio a visitantes e residentes”, explica.
A proposta céntrase en puntos estratéxicos como a entrada desde a A-6 e a AG-55 pola rotonda de Sabón; os accesos a Meicende desde a AC-415 e AC-552; a chegada ao núcleo urbano desde Carballo pola AC-552; ou a rotonda da Avenida de Caión, situada na DP-514.
O PSOE de Arteixo considera fundamental a coordinación entre administracións, con independencia da titularidade das vías, xa que “a mellora redundaría no beneficio conxunto da imaxe de Arteixo como municipio dinámico, moderno e ben conectado”.
A moción pide formalmente que se poña en marcha o concurso de ideas co apoio dos colexios profesionais e das administracións competentes, co obxectivo de transformar os accesos en espazos máis coidados e acordes coa relevancia territorial e económica do municipio.