O PSOE de Arteixo presentará unha moción para recuperar o parque de Monticaño

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará no vindeiro pleno unha moción para instar ao Goberno local a recuperar o parque de Monticaño, actualmente no estado de abandono no que se atopa, e para que se cumpran as promesas feitas en 2011 polo alcalde Carlos Calvelo, que incluían a transformación deste espazo nun gran pulmón para a zona norte do concello.
Os socialistas recordan que desde a chegada de Carlos Calvelo ao goberno en 2011, houbo numerosos anuncios e promesas para a recuperación do parque, entre eles, a construción dun centro de interpretación do Castro de Cociñadoiro, que contaría cun aparcamento e un novo restaurante para atraer aos visitantes á zona.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, explicou que o Concello de Arteixo dispón do parque forestal de Monticaño, cunha extensión de 70.000 m², desde hai 26 anos, tras unha cesión do Ministerio de Defensa por 50 anos, para ser destinado a usos comunitarios. Este espazo foi parte dun plan para defender o golfo Ártabro entre Ferrol e Caión.
“Desde 2011 foron moitas as promesas do alcalde Calvelo para a recuperación do parque e moitas as actuacións que se anunciaron. Pero a realidade é que a día de hoxe, pouco se fixo no parque”, sinalou Seco. O concelleiro socialista denunciou que as instalacións do parque foron deteriorándose ata chegar ao estado de abandono actual, salvo as instalacións da nova escola ecolóxica de SUMARTE e algunhas actividades de mantemento realizadas polos traballadores de APEM na súa contorna.
Traslada que unha das promesas máis destacadas de 2014 foi a rexeneración do vertedoiro situado no parque, coa creación dun espazo de 182.000 m² que unira as parroquias de Suevos, Pastoriza e Oseiro. Este proxecto incluía un parque de grandes dimensións cun circuíto para percorrer, varias zonas e miradoiros, así como unha praza para celebracións populares e un anfiteatro. O proxecto tamén incluía dous aparcamentos e unha área acuática, cun investimento previsto de 900.000 euros. Sen embargo, este plan non se levou a cabo.
O portavoz socialista tamén lembrou que Calvelo anunciou, en 2015, un novo plan especial para cambiar o uso do solo do parque e mesmo contratou unha empresa para redactar os documentos necesarios para efectuar un cambio urbanístico no espazo, sen que ata o momento se materializara nada.
“A realidade é que a día de hoxe as instalacións do parque están en peor situación que en 2011 e o abandono do mobiliario é total. Xa se perdeu boa parte do material de Defensa que tiña nas súas instalacións, o restaurante está pechado, o centro de interpretación está sen construír, non hai espazos para aparcar, e non hai fontes nin papeleiras á disposición dos usuarios”, lamenta Seco. “Como sempre, as promesas de Calvelo son puro fume que se leva o vento”.
O grupo socialista defende que o parque ten un gran potencial para ser un referente na parte norte do concello, transformándose nun espazo natural para a xente que desexe pasear, disfrutar en familia ou con mascotas, e mesmo atraer o turismo desde outras zonas do territorio. “O parque ten todas as posibilidades para ser un gran pulmón para a zona norte de Arteixo, pero hai que ter a vontade de facelo”, concluíu Seco.