O PSOE de Arteixo pide ao Goberno local máis apoio ao musical do IES Manuel Murguía

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo reclama ao executivo municipal unha maior implicación co musical anual organizado polo IES Manuel Murguía, unha iniciativa que leva máis dunha década converténdose nun referente cultural, educativo e xuvenil no concello. Os socialistas insisten en que este proxecto merece un respaldo firme por parte do Concello, tanto pola súa relevancia como polo seu impacto social e comunitario.
Con máis de 300 persoas implicadas na edición de 2025 entre alumnado, profesorado e familias, o musical consolidouse como unha cita ineludible no calendario cultural de Arteixo. Ademais do éxito de participación e asistencia, destaca polo seu carácter solidario e polo impulso que supón para a creatividade da mocidade.
Con todo, desde o grupo socialista advirten que o futuro desta actividade podería estar en risco por falta de apoio institucional. Segundo sinalan, membros da comunidade educativa trasladaron ao partido as dificultades para acceder ao auditorio do centro cívico municipal, espazo clave para a representación do espectáculo.
“Con todo, o entusiasmo que rodea esta iniciativa podería verse truncado pola falta de apoio institucional segundo trasladaron membros da comunidade educativa, que alertan de dificultades para acceder ao auditorio do centro cívico municipal”, explica o portavoz socialista, Martín Seco, quen sinala que ese é un “espazo esencial” para a representación do espectáculo.
Diante desta situación, o PSOE de Arteixo insta ao goberno local a actuar con urxencia para garantir a continuidade e o crecemento do musical nos próximos anos. Entre as medidas propostas, os socialistas piden que o Concello abra un diálogo coa comunidade educativa do IES Manuel Murguía para asegurar a dispoñibilidade de espazos públicos e colaboración loxística.
“O musical do IES Murguía é un exemplo claro de como, con vontade e colaboración, podemos ofrecer alternativas enriquecedoras á mocidade. Non podemos permitir que se apague por desinterese institucional”, afirma Seco.
O grupo socialista reitera así o seu compromiso con todas aquelas iniciativas que fomenten a participación xuvenil, a educación en valores e a dinamización da vida cultural do municipio, apostando por dar visibilidade e apoio ás propostas que nacen da propia comunidade educativa.