O PSOE de Arteixo leva ao Pleno unha moción para mellorar a atención á diversidade funcional

ACoruñaXa
O portavoz socialista, Martín Seco denuncia a imaxe de investimento social que transmite o Goberno local
Martín-Seco-PSOE
27 May 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no vindeiro Pleno unha moción na que propón avanzar na atención ás persoas con diversidade funcional, poñendo o foco na necesidade de desenvolver proxectos que melloren a calidade de vida deste colectivo e das súas familias.

O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que a iniciativa nace dunha realidade que, segundo denuncia, contrasta coa imaxe de investimento social que transmite o Goberno local: “Mentres o Concello presume de gasto social, hai familias que se ven obrigadas a desprazarse a Carballo, A Coruña, Oleiros ou mesmo Santiago para acceder a servizos básicos, como centros de día ou centros especiais de emprego”.

Esta situación, subliña Seco, “non só implica un custo económico engadido, senón tamén serias dificultades para a conciliación familiar e laboral”. Desde o PSOE lembran que, malia a colaboración municipal con entidades como APEM ou ADADECO, estas accións resultan “claramente insuficientes para responder á demanda real”.

Os socialistas reivindican unha das súas propostas históricas: a creación dun Centro Especial de Emprego en Arteixo. Esta infraestrutura, incluída xa nos seus programas electorais de 2019 e 2023, permitiría, segundo defenden, traballar no desenvolvemento das capacidades persoais, sociais e laborais das persoas con diversidade funcional, contribuíndo a unha inclusión efectiva no municipio.

Ademais, destacan o papel de novas asociacións como INCLUART, xunto co traballo das familias e das entidades xa existentes, como “unha oportunidade para impulsar proxectos desde o coñecemento directo da realidade e a proximidade coas persoas afectadas”. Por iso, propoñen ao executivo local establecer unha liña de colaboración estable e directa que permita activar medidas eficaces con perspectiva de futuro.

Martín Seco conclúe que “unha sociedade só é xusta e cohesionada cando non deixa atrás a ninguén. A igualdade de oportunidades tamén se constrúe desde o ámbito local”.

⚙ Configurar cookies
0.12859606742859