O PSOE de Arteixo leva ao pleno as queixas veciñais pola inseguridade viaria na Travesía

O grupo municipal socialista de Arteixo vén de reclamar no pleno municipal a mellora da seguridade viaria na Travesía de Arteixo, atendendo ás reiteradas demandas da veciñanza da zona. O portavoz socialista, Martín Seco, trasladou ao Goberno local unha serie de peticións concretas co obxectivo de garantir a seguridade de peóns e condutores nunha área en constante crecemento demográfico.
“Na contorna da urbanización próxima á ferretería Clickfer existen múltiples deficiencias que poderían ser atendidas con vontade política”, afirmou Seco, quen lembrou que nos últimos anos construíronse numerosas vivendas na zona, atraendo a moitas familias novas con nenos e nenas.
Entre as principais demandas da veciñanza atópanse a finalización da beirarrúa na marxe esquerda da travesía en dirección a Carballo —entre o centro de saúde e a urbanización—, así como a reordenación do tráfico peonil e rodado para reducir riscos.
O PSOE tamén solicita o desprazamento dunha caseta de obra dunha promotora que ocupa parte da beirarrúa, impedindo o paso de cadeiras de rodas ou carriños de bebé. A isto súmase a necesidade de pechar o furado que hai tras a caseta, considerado perigoso para a cativada.
Ademais, piden a eliminación de dúas prazas de aparcamento situadas despois do cruce coa rúa Hospital, xa que dificultan a visibilidade para os vehículos que acceden ou saen da vía. Tamén se reclama a instalación dun paso de peóns no cruce co novo paseo fluvial e a colocación dunha varanda de protección ata a ponte sobre o río.
Martín Seco foi claro na súa intervención: “O Goberno local debe asumir a súa responsabilidade e garantir a seguridade viaria en todo o concello. Limitámonos a trasladar as xustas reivindicacións da veciñanza. Só pedimos que fagan o seu traballo”.