O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a intensificar as accións contra a LGTBIfobia
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de outubro para instar ao goberno local a intensificar as medidas necesarias contra a LGTBIfobia. Esta iniciativa chega en coincidencia co xuízo polo asasinato de Samuel Luiz, un mozo arteixán de 24 anos, vítima dunha agresión homófoba en 2021.
Os socialistas non só condenan este crime, senón tamén calquera comportamento que atente contra a dignidade e os dereitos das persoas LGTBI. Así, solicitan que o Concello se comprometa activamente coa creación dunha sociedade máis inclusiva e diversa. Entre as propostas da moción, destaca a creación dun protocolo local que asegure unha resposta rápida e efectiva fronte ás agresións LGTBIfóbicas, garantindo a protección das vítimas e unha actuación policial e institucional áxil.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinalou que o caso de Samuel Luiz "non é un episodio illado", senón parte dun preocupante aumento de delitos de odio, especialmente os relacionados coa orientación sexual e identidade de xénero. Segundo Seco, é necesaria unha resposta coordinada das institucións para previr estes delitos e promover o respecto pola diversidade.
A moción tamén inclúe a solicitude de melloras na atención ás persoas LGTBI a través do CIM (Centro de Información á Muller), coa creación dun "Punto Arco Iris" como espazo de apoio e asesoramento, así como campañas educativas e de sensibilización para erradicar a discriminación.