O PSOE de Arteixo insta ao Goberno local a cumprir a moción aprobada para reforzar o CIM

ACoruñaXa
Os socialistas reclaman as medidas acordadas para mellorar o funcionamento do Centro de Información á Muller
Imaxe do pleno de Arteixo
6 Mar 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo reclama ao goberno local que leve a cabo as medidas acordadas para mellorar o funcionamento do Centro de Información á Muller (CIM), en cumprimento da moción aprobada por unanimidade o pasado ano. Coincidindo coa proximidade do Día Internacional da Muller, os socialistas reiteran a necesidade de reforzar os servizos que ofrece o CIM, ante a falta de avances na súa execución.

O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, recorda que a moción aprobada establecía “reforzar o persoal asignado ao CIM de Arteixo recuperando a independencia dos postos de Directora e Psicóloga, aumentando as horas de asistencia xurídica e os de atención psicolóxica para menores, así como a cobertura do posto da traballadora social asignada ao centro, co obxectivo de mellorar a atención ás persoas usuarias ante un problema de vital importancia”.

Seco considera que “é unha hipocrisía facer declaracións institucionais con motivo do Día Internacional da Muller cando non se cumpre a paridade no goberno municipal e non se executan mocións aprobadas por unanimidade para mellorar a atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade”. O portavoz socialista denuncia ademais que “ata o día de hoxe descoñecemos as actuacións realizadas polo goberno municipal para executar esa moción”.

A atención prestada polo CIM de Arteixo resulta “totalmente insuficiente nun concello con máis de 2.200 persoas usuarias dese servizo”, segundo Seco. Na actualidade, o servizo de atención psicolóxica a menores está sen cubrir e unha única axente de igualdade atende 10 horas á semana, asumindo múltiples tarefas debido ao colapso do centro.

O portavoz socialista alerta de que “o servizo está desbordado” e non pode atender todas as necesidades das vítimas de violencia de xénero, o que provoca atrasos inasumibles en trámites fundamentais como as axudas económicas, as solicitudes de mediación familiar, o reforzo académico dos fillos e fillas das vítimas ou a xestión do servizo Atenpro.

Para Seco, “de pouco vale aprobar mocións nos plenos que despois non se executan, unha práctica habitual deste goberno local”. Por este motivo, os socialistas demandan saber se hai algunha actuación prevista para reforzar realmente o servizo no curto prazo.

 

⚙ Configurar cookies
0.23817110061646