O PSOE de Arteixo esixe melloras urxentes no servizo de recollida de lixo

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volve poñer o foco na situación “preocupante” do servizo de recollida de residuos no municipio, ao considerar que a súa xestión actual presenta múltiples deficiencias tanto na calidade do servizo como nas condicións laborais do persoal. Segundo indican, estas carencias foron xa advertidas en sesións plenarias anteriores mediante un informe interno do propio capataz do servizo e a través de documentación gráfica que constata os problemas existentes na planificación, cobertura e atención á veciñanza.
O portavoz socialista, Martín Seco, critica a actitude do executivo local liderado polo Partido Popular, ao afirmar que “o Goberno local do PP elude responsabilidades e carga toda a culpa sobre os traballadores”, ao tempo que lamenta que “a súa incapacidade de diálogo está a agravar unha situación xa preocupante”.
Entre as principais preocupacións do grupo socialista atópase a “alarmante falta de persoal” que, segundo denuncian, está a ser parcheada mediante o desvío de traballadores da empresa pública SUMARTE —adscrita á limpeza viaria— cara ás tarefas de recollida de lixo. Esta medida, advirten, está a provocar un efecto dominó que tamén repercute negativamente na limpeza das rúas, como quedou demostrado durante a última Festa das Flores, “cando a media mañá o centro do concello estaba cheo de cristais e obxectos perigosos sen brigadas suficientes para actuar”.
Así mesmo, os socialistas expresan a súa inquietude por “non coñecer o mecanismo legal exacto” que permite empregar persoal de SUMARTE para realizar funcións que corresponderían a persoal laboral municipal. Neste sentido, Seco sinala que a medida “podería supoñer irregularidades legais se non se actúa con total transparencia e axuste normativo” e alerta sobre as posibles incompatibilidades entre as funcións de distintas áreas e empresas.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE de Arteixo reclama ao Goberno local información clara sobre o estado das negociacións co persoal de recollida de residuos, a situación actual do cadro de persoal da limpeza viaria e a fórmula legal empregada para incorporar traballadores de SUMARTE a tarefas de recollida de lixo.
Os socialistas conclúen facendo un chamamento á responsabilidade institucional: a cidadanía, din, “merece un servizo de calidade e os traballadores unhas condicións laborais dignas”, ao tempo que defenden que “o diálogo e a planificación deben ser ferramentas fundamentais dun goberno municipal responsable e eficaz”, segundo destacou Martín Seco.