O PSOE de Arteixo esixe melloras urxentes en Baer polo estado dos camiños e os postes

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no pleno ordinario do mes de xuño un novo rogo solicitando intervencións inmediatas no barrio de Baer, despois de que xa en xaneiro de 2025 formulase unha petición formal advertindo do mal estado dos camiños da zona, da falta de seguridade viaria, da ausencia de mobiliario público e da desorde nos tendidos das empresas de servizos.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que desde aquela o executivo local aprobou diversas modificacións de crédito para investimentos, “pero ningunha delas contempla melloras para este barrio, que segue sufrindo un abandono evidente por parte do goberno”.
Segundo explican desde o grupo socialista, a situación empeorou nas últimas semanas ao descubrirse que no camiño público CM-00395 —recollido no inventario municipal desde 2014— foron instalados postes de telefonía incumprindo as distancias regulamentarias e invadindo o ancho da vía estipulado no citado inventario.
Martín Seco asegura que un veciño da zona leva desde o ano 2017 reclamando que se respecte a legalidade e que se retiren os postes para situalos correctamente, presentando varios escritos perante o Concello “sen obter resposta nin ver que se adoptasen medidas para corrixir a instalación”.
Ademais, o edil socialista indica que as obras de mellora realizadas neste camiño non incluíron sistemas de drenaxe nin evacuación de augas, o que está provocando un deterioro progresivo do firme debido ás frecuentes chuvias.
Ante esta situación, o Grupo Socialista volveu reclamar no pleno que se planifiquen actuacións urxentes no barrio de Baer para mellorar servizos, camiños e infraestruturas, solicitando tamén que se acondicione correctamente o camiño CM-00395 respectando as distancias fixadas no inventario municipal e que se dea resposta inmediata á denuncia presentada polo veciño afectado, quen leva oito anos sen obter contestación oficial por parte do Concello.
“O barrio de Baer non pode seguir sendo o gran esquecido das políticas municipais. A veciñanza merece servizos dignos, seguridade e respecto polos seus dereitos”, concluíu Martín Seco.