O PSOE de Arteixo esixe melloras na seguridade viaria da Avenida de Fisterra

ACoruñaXa
O grupo socialista sinala á ausencia de beirarrúas no tramo da Avenida de Fisterra á saída cara A Laracha
efecto desenfoque
19 Apr 2025

O grupo municipal socialista de Arteixo reclama ao Goberno local que actúe con urxencia para solucionar un dos problemas de seguridade viaria máis evidentes no núcleo urbano do municipio: o tramo da Avenida de Fisterra á saída cara A Laracha, onde a ausencia de beirarrúas e medidas de protección está a pór en risco aos peóns.

Segundo explicou o portavoz socialista, Martín Seco, trátase dunha zona moi transitada “na que non existen as condicións mínimas para garantir a seguridade das persoas, especialmente nenos e maiores, que camiñan por alí cada día”. O edil denuncia que o percorrido carece de beirarrúa e que, nas zonas onde hai algún tipo de separación, só existen “postes de plástico que non resultan efectivos, xa que os vehículos —algúns de grandes dimensións— invaden frecuentemente ese espazo peonil”.

A preocupación da veciñanza é palpable. “A propia cidadanía vén de compartir fotografías tomadas en diferentes días que amosan con claridade a gravidade da situación e o risco real para as familias da zona”, sinala Seco.

Ante esta realidade, o grupo socialista insta ao goberno municipal do PP a deixar de mirar para outro lado e a actuar con responsabilidade. “Con estas probas enriba da mesa, non hai escusas posibles. É urxente poñer todos os medios ao alcance do Concello para garantir a seguridade dun tramo que, a día de hoxe, representa un perigo innecesario para a veciñanza”.

Os socialistas de Arteixo reiteran o seu compromiso coa seguridade viaria e lembran que seguirán reclamando solucións reais e inmediatas “alí onde sexa necesario, porque a vida das persoas non pode seguir dependendo da inacción política”.

⚙ Configurar cookies
0.16475582122803