O PSOE de Arteixo denuncia verteduras constantes no río Bolaños e esixe medidas ao Goberno local

O grupo municipal do PSOE en Arteixo volve prender as alarmas ante as continuas verteduras contaminantes que está a recibir o río Bolaños ao seu paso polo núcleo urbano do concello. Os socialistas acusan ao Goberno local de "non facer nada para evitalo", malia que en múltiples ocasións se ten reclamado a instalación dun sistema de control e a análise da orixe destes verquidos.
Martín Seco, voceiro socialista no Concello, considera urxente a posta en marcha de medidas de vixilancia ambiental. "O río que atravesa o centro urbano e o polígono industrial de Sabón debería contar cun sistema de control de verteduras. Desde o Concello deberiamos actuar contra quen está a encher o río de contaminación", sinala.
Seco advirte que a situación afecta tamén á praia do Rañal, onde desemboca o Bolaños. Trátase dun dos areais máis concorridos pola veciñanza do núcleo urbano de Arteixo, especialmente por familias con nenos pequenos. "A pesar de contar coa bandeira azul, a realidade é que moitas persoas teñen que soportar a presenza de augas contaminadas", denuncia.
A última mostra da gravidade do problema produciuse o domingo 6 de abril , cando segundo os socialistas o río baixaba "completamente branco" e desprendía un "cheiro insoportable", algo que puido comprobar calquera persoa que paseaba polo paseo fluvial.
Dende o PSOE consideran que, tras 14 anos de goberno municipal, "é hora de pasar das palabras aos feitos" e de garantir que o río Bolaños poida fluír "limpo e coidado" polo centro de Arteixo.