O PSOE de Arteixo denuncia problemas de seguridade viaria en varios puntos do concello

O grupo municipal socialista de Arteixo alertou no último pleno sobre a inseguridade viaria existente en diversos puntos do concello, que precisan melloras tanto por parte do Concello como da Xunta de Galicia.
O voceiro socialista, Martín Seco, fixo especial fincapé na perigosidade da rotonda situada na contorna da escola infantil Vagalume, na estrada AC-415, que conecta a rotonda do Seixedo con Meicende. "Este punto precisa unha mellor sinalización previa en ambos sentidos para reducir a velocidade dos vehículos que circulan pola AC-415 e advertir da obriga de cesión de paso aos vehículos que acceden á rotonda", explica Seco.
Ademais, os socialistas denunciaron a falta de seguridade para os peóns no aparcadoiro municipal da rúa Ría de Vigo, que carece de zonas habilitadas para o paso de viandantes, tanto desde as beirarrúias situadas fronte ao aparcadoiro como no seu interior.
No que respecta ás vías de competencia autonómica, Seco indicou que a veciñanza leva tempo queixándose da mala sinalización en dous puntos da AC-552, que conecta A Coruña con Carballo: un deles é o paso de peóns situado en Candame fronte ao Telepizza e o outro está no primeiro paso de peóns despois da rotonda do Seixedo en dirección A Coruña.
"É preciso que o goberno local faga o seu labor", insiste Seco, demandando melloras na sinalización e control de tráfico na rotonda de Vagalume e a instalación de pasos de peóns no aparcadoiro da rúa Ría de Vigo, xa que estas son competencias municipais. Ademais, insta ao Concello a solicitar á Xunta de Galicia o pintado e mellora da sinalización dos pasos de peóns na AC-552, tanto na Avenida de Fisterra fronte ao Telepizza como na Avenida Platas Varela, na contorna do Ecuador.