O PSOE de Arteixo denuncia o abandono de Borroa un ano despois de aprobarse as melloras en pleno

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de denunciar publicamente a falta de actuacións na parroquia de Borroa, malia que hai case un ano se aprobara por unanimidade no pleno unha moción impulsada polos socialistas que reclamaba investimentos e melloras urxentes nesta zona do municipio.
O portavoz socialista, Martín Seco, lamenta que “o goberno municipal segue sen mover ficha” e critica que nin nos orzamentos de 2025 nin no recente suplemento de crédito de case 5 millóns de euros se inclúan actuacións específicas en Borroa, a pesar da grave situación que vive a veciñanza debido ao deterioro das infraestruturas básicas.
Entre os principais problemas denunciados atópanse as canalizacións de auga, que, segundo Seco, “son cada vez peores e ademais están a deixar o pavimento da avenida de Nostián nun estado intransitable”. O edil socialista alerta de que a situación chega ao punto de que “ata se está caendo o pavimento na subida dende o lavadoiro cara Montillos”, unha situación que, ironicamente, se fixo evidente o mesmo día no que se debatia no pleno a necesidade de actuacións urxentes na zona.
A moción aprobada en 2024 xa advertía da existencia de puntos críticos que dificultan o acceso de vehículos de emerxencia, como os camións do lixo ou os bombeiros, debido á presenza de edificacións abandonadas e ao reducido ancho dalgunhas rúas. Tamén alertaba sobre a “situación insostible das canalizacións de auga, que requiren intervencións constantes” e do mal estado do firme, especialmente na Avenida de Nostián, “onde xa hai puntos nos que se está afundindo o firme”.
Martín Seco lembra que en 2024 o alcalde Carlos Calvelo recoñeceu a gravidade da situación e pediu tempo para actuar, pero “meses despois non hai ningunha actuación prevista nin executada, a pesar de que os problemas se agravan día a día como na Avenida de Borroa con desprendementos nunha estreita vía poucos días despois dos desbroces”.
O portavoz socialista tamén se refire ao recente modificado de crédito aprobado polo goberno do PP con máis de 6,5 millóns de euros en novas inversións, catro meses despois duns orzamentos que xa contemplaban máis de 20 millóns. “Non será máis urxente ter unha rúa co ancho necesario, e cun bo pavimento para a seguridade da cidadanía que moitas outras actuacións que non corren presa?”, pregúntase Seco, quen critica que “para o goberno de Arteixo é a veciñanza de Borroa xente de segunda que non merece ter uns servizos básicos decentes?”.
Desde o Grupo Socialista esixen ao goberno local que cumpra co aprobado no pleno e que habilite de inmediato unha partida específica para renovar o tramo de canalización da auga en mal estado na Avenida de Borroa e reparar o pavimento da mesma vía, que se atopa “claramente intransitable”.
“Non pode ser que se anuncien grandes investimentos mentres barrios enteiros como Borroa quedan esquecidos. As promesas deben transformarse en feitos, e máis cando se trata de cuestións básicas como a seguridade, a mobilidade e a salubridade”, subliña Seco. O PSOE de Arteixo reitera así o seu compromiso coa veciñanza da parroquia e avanza que seguirá insistindo ata que se acometan as melloras que Borroa leva anos esperando.