O PSOE de Arteixo denuncia a inacción do Goberno local sobre o transporte público interurbano

O grupo municipal socialista de Arteixo volve a reiterar a solicitude presentada no pleno de agosto de 2024, destacando as queixas da veciñanza pola inacción do Goberno local ante o deficiente funcionamento das liñas de autobús interurbano que percorren o municipio.
Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista, explica que na moción pedían ao goberno municipal que exixira ao goberno galego o cumprimento do contrato de xestión do Plan de Transporte Público de Galicia nas liñas que transcorren polo concello. “Xa naquela moción os socialistas considerabamos imprescindible que se realizara un control efectivo sobre o servizo prestado pola empresa concesionaria, asegurando que se cumprisen os horarios e que se garantiran as prazas suficientes”, sinala Seco. "E, se fora necesario, abrir expedientes de infracción e aplicar sancións."
A moción presentada polo grupo socialista foi rexeitada polo Partido Popular, que xustificou o seu voto en contra argumentando que “a Xunta de Galicia estaba a traballar na solución deses problemas”, e o propio alcalde, José Calvelo, asegurou que “non consideraba necesario formular esa reclamación”.
Seco denuncia que as queixas da veciñanza permanecen iguais: “O incumprimento reiterado dos horarios provoca tempos de espera superiores a unha hora, e moitas veces non se respectan os horarios indicados na páxina web, xa que “o autobús pasa 15 minutos antes da hora prevista ou, ao contrario, hai que esperar máis de 50 minutos para poder collero”.
Ademais, os socialistas de Arteixo critican a "deficiencia na planificación" do servizo, pois en varias ocasións "os autobuses que percorren o municipio desde A Coruña e que continúan cara a Carballo van cheos e non se detén en paradas como Marineda para recoller máis pasaxeiros".
“Sabemos do crecemento da demanda de transporte público”, afirma Seco, “pero non é suficiente con mellorar os servizos ofertados polo propio concello, xa que a administración autonómica tamén debe asegurar o bo funcionamento deste servizo esencial para a veciñanza”. O PSOE de Arteixo esixe que a empresa concesionaria respecte os horarios establecidos e que se implante un “sistema de control e inspección efectivo” que inclúa penalizacións se se producen incumprimentos.
“O Goberno municipal é plenamente consciente da mala xestión que sofren os usuarios do servizo de Transporte Público de Galicia nas liñas que percorren o noso concello, pero agora afirman que xa se solucionaron os problemas e desbotan presentar denuncia ante a Xunta”, conclúe Seco.