O PSOE de Arteixo critica a inacción do Goberno local ante o peche da Escola Unitaria de A Lagoa

ACoruñaXa
É un dos sete centros educativos que a Xunta de Galicia clausurará no curso 2025-2026 por ter menos de cinco matriculacións
alagoa-arteixo
29 Jul 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia a falta de iniciativa e planificación do goberno municipal fronte ao anunciado peche da Escola Unitaria de A Lagoa, un dos sete centros educativos que a Xunta de Galicia clausurará no curso 2025-2026 por ter menos de cinco alumnos e alumnas matriculados/as.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembrou que “hai menos de cinco anos se investíron máis de 600.000 euros de fondos públicos na rehabilitación desta escola, o que fai aínda máis incomprensible que non se impulsara ningunha medida para garantir a súa continuidade”. Para o PSOE de Arteixo, esta falta de acción contrasta coa de outros concellos galegos, onde xa se puxeron en marcha campañas para atraer alumnado e manter abertas as súas escolas unitarias.

“Mentres se reformaban os centros, o goberno local non fixo nada para asegurar a súa actividade”, lamentou Seco, quen tamén advertiu de que sen unha estratexia clara outras escolas do municipio, como as de Larín ou Rorís, poderían correr o mesmo risco de peche.

Desde o grupo socialista deféndese o modelo de escola unitaria como “unha ferramenta para fixar poboación no rural e garantir unha educación de proximidade e personalizada”, que ademais contribúe a aliviar a presión nos centros educativos das zonas urbanas máis saturadas.

De cara ao vindeiro pleno municipal, o Grupo Socialista formulará preguntas ao executivo local para saber se se tomou algunha medida para evitar o peche da Escola de A Lagoa e cal foi a planificación tras investir máis de 600.000 euros nunha infraestrutura que agora se pretende abandonar.

“Esiximos que se poñan en marcha medidas urxentes e campañas reais para frear o desmantelamento da educación pública no rural, e que non se perda unha infraestrutura recentemente renovada pagada cos impostos da veciñanza”, concluíu Seco.

⚙ Configurar cookies
0.17890501022339