O PSOE de Arteixo celebra o cambio de postura do Goberno local ante os problemas de ruído

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo valora positivamente o anuncio do Goberno local sobre a redacción dunha ordenanza de ruídos e novas ferramentas para regular actividades molestas en edificios residenciais. A iniciativa, comunicada no último pleno polo concelleiro de Urbanismo, chega tras meses de demandas veciñais e presión institucional encabezada polo propio grupo socialista.
O executivo anunciou a elaboración dunha ordenanza específica de ruídos, a identificación de zonas tensionadas e a posta en marcha de mecanismos de control que limiten tanto o volume como os horarios de funcionamento de determinadas actividades. Entre estas, destaca o caso dunha academia de baile situada na rúa Cidade de Buenos Aires, que, segundo denuncia a veciñanza, opera ata as dúas da madrugada durante a semana.
Tamén se contempla a instalación de sistemas de control acústico en espazos como o citado local, así como a dotación ao persoal municipal de equipos de medición e formación específica para atender avisos por ruído excesivo en vivendas.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que “ese anuncio chega logo de meses de insistencia dos socialistas e dun reforzo institucional por parte de autoridades como a Valedora do Pobo” e subliña que “a aplicación práctica das novas medidas é crucial”. Desde o PSOE reclaman prazos claros para a tramitación da ordenanza, criterios definidos para declarar zonas tensionadas, e concreción sobre os medios humanos e técnicos que se van empregar para facer efectivos os controis.
“Consideramos positivo este xiro na postura do goberno, pero advertimos de que as medidas anunciadas non poden seguir adiándose no tempo”, sinala Seco. “A veciñanza de Arteixo necesita descansar, e tamén é imprescindible garantir un marco normativo xusto para aqueles empresarios e autónomos que si cumpren coas normas”, porque, en palabras do portavoz socialista, “non serve de nada anunciar normas se pensamos en seguir facendo oídos xordos cando a veciñanza denuncia noites sen descanso”.
O Grupo Municipal Socialista comprométese a seguir fiscalizando a evolución do proceso, a canalizar as demandas cidadás e a defender o dereito ao descanso e á convivencia no municipio.