O PSOE de Arteixo alerta do deterioro no Servizo de Axuda no Fogar (SAD)

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de expresar a súa "profunda preocupación" pola situación que atravesa, unha vez máis, o Servizo de Axuda no Fogar (SAD) no municipio. Segundo denuncian, a prestación deste servizo esencial leva anos marcada pola inestabilidade, coa entrada e saída constante de empresas concesionarias que, ademais de acumular incumprimentos de contrato, ofrecen condicións laborais precarias ás traballadoras.
O voceiro socialista, Martín Seco, sinala que “este servizo esencial leva anos funcionando de forma deficiente” e advirte de que as queixas por parte das persoas usuarias seguen repetíndose: “falta de continuidade no persoal, falta de formación das novas incorporacións e unha evidente perda de calidade asistencial”. O propio Seco denuncia que “non é admisible que persoas maiores ou dependentes teñan que formar ao persoal que as atende ou queden sen asistencia por fallos de coordinación da empresa concesionaria, como sucedeu recentemente na zona norte do concello”.
Desde o grupo socialista tamén poñen o foco nas condicións laborais das profesionais do servizo, afectadas por un convenio autonómico que cualifican de “obsoleto”, con contratos inestables, salarios baixos e vulneracións reiteradas dos seus dereitos laborais, “sen que dende o goberno local se tomen medidas reais”.
Segundo explican, o executivo municipal vén de desestimar un recurso presentado pola empresa concesionaria da zona sur por incumprir o prego de condicións. Con todo, na zona norte houbo usuarios e usuarias que quedaron sen atención, feito que para o PSOE confirma que “o sistema actual non funciona”, insiste Seco.
Lembran ademais que hai un ano o grupo socialista xa propuxo, mediante unha moción, a municipalización do servizo como única vía para garantir a estabilidade, a calidade asistencial e unhas condicións laborais dignas para quen coida da poboación máis vulnerable. Porén, denuncian que o goberno local segue apostando por un modelo privatizado “que claramente fracasa”.
Ante esta situación, o PSOE de Arteixo demanda respostas e reclama ao executivo local explicacións sobre “que está a suceder coa falla de atención aos/ás usuarios/as da zona norte do SAD, cales son as medidas tomadas para evitar que estas persoas sigan quedando sen servizo, e se seguen considerando que a xestión privada está a garantir un servizo digno e eficiente”.
Desde a formación socialista conclúen reiterando a súa demanda de que se priorice a atención ás persoas e que se aborde este problema “con valentía política e vontade real de cambio”.