O PSOE de Arteixo alerta da escaseza de médicos de atención primaria

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denunciou a situación insostible que atravesan os centros de saúde do concello debido á falta de profesionais de atención primaria, especialmente durante o verán. Segundo trasladan os veciños e veciñas, “é case imposible conseguir unha cita co médico de familia a través da aplicación do SERGAS, con prazas esgotadas ou agardas que se estenden ata mediados de setembro”, explicou Martín Seco, portavoz do grupo.
O problema foi especialmente grave no centro de saúde de Vilarrodís, que chegou a estar sen ningún médico durante varios días de agosto, provocando dificultades para os pacientes, incluso para renovar baixas laborais. Seco criticou que esta situación se repite cada ano, consecuencia da falta de planificación e da escasa aposta do Goberno do PP pola sanidade pública. “Non podemos aceptar que conseguir unha cita médica sexa unha misión imposible en pleno 2025. A saúde da veciñanza non pode quedar desatendida cada verán”, sinalou.
Ante esta situación, o PSOE instou ao goberno local a esixir á Consellería de Sanidade a cobertura inmediata das prazas de médicos necesarias para garantir unha atención sanitaria digna nos centros de saúde de Arteixo.