O PSOE alerta da situación "insostible" na residencia pública de Oleiros pola falta de persoal

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, alertou da “insostible” situación que atravesa a residencia pública de Oleiros, provocada pola falta de persoal e medios materiais, o que compromete a seguridade dos residentes. Longueira formulou unha pregunta oral na Comisión de Política Social para denunciar a inacción da Consellería fronte ao evidente deterioro do centro.
A representante socialista explicou que “o persoal está desbordado de tarefas” e advertiu da situación de risco que sofren os grandes dependentes ingresados. Detallou que o centro atende a 240 persoas, pero durante a quenda nocturna só hai un auxiliar de enfermaría para coidar de 44 grandes dependentes, o que converte o servizo nun “deficiente” sistema incapaz de ofrecer unha atención adecuada.
Longueira tamén destacou que a carga de traballo empeorou tras o aumento de ingresos sen reforzo do persoal, agravando a atención aos usuarios, especialmente a aqueles con problemas psiquiátricos, para os que non hai profesionais especializados. Esta falta de recursos deriva nunha elevada conflitividade e nun nivel de estrés laboral inasumible para os traballadores.
Ademais da escaseza de persoal, a deputada socialista puxo o foco no “evidente deterioro” das instalacións e do material de mobilidade, mencionando grúas en mal estado, cableado exposto baixo as camas, mantas improvisando illamentos, pingueiras, humidades e fragmentos de cornixas caídas no xardín, que é frecuentado habitualmente por xabaríns.
Por todo isto, Longueira esixiu ao Goberno galego que atenda de inmediato as demandas do Comité de Empresa, que leva tempo alertando dunha situación que, a día de hoxe, mantén o centro ao límite da súa capacidade sen que se adoptasen medidas para revertela.