O PSdeG reclama o apoio aos produtos locais no Fórum Gastronómico da Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
Os deputados socialistas Patricia Iglesias, Julio Abalde e Silvia Longueira visitaron a feira
FORUM-PSOE
24 Mar 2025

Os deputados socialistas Patricia Iglesias, Julio Abalde e Silvia Longueira reivindicaron, no Fórum Gastronómico de Galicia, que se celebra na Coruña, a importancia dos produtos locais polo seu potencial económico para a comunidade e polo seu maior respecto ao medio ambiente.

Durante a súa visita á feira, Iglesias lembrou que, hai escasamente un mes, o Parlamento galego aprobou unha iniciativa do Grupo Socialista para instar á Xunta a valorar os produtos de proximidade nas súas contratacións para comedores e servizos de cátering, como os dos centros escolares, hospitais e residencias públicas.

A deputada destacou que o obxectivo do PSdeG non é só apoiar as economías locais, senón tamén promover unha alimentación máis sostible. “É unha cuestión medioambiental, xa que se reduce a pegada de carbono dos alimentos. Nós, as e os socialistas de Galicia, cremos nos produtos da nosa terra, tanto pola importancia do sector primario, no que somos unha potencia, como polos beneficios que teñen para o medio ambiente”, afirmou. Por iso, reclamou que “a Xunta non pode mirar para outro lado”.

Pola súa banda, Julio Abalde, portavoz socialista de educación e pesca no Parlamento galego, subliñou a importancia de que os alimentos de quilómetro cero cheguen aos comedores escolares, onde as nenas e os nenos adquiren hábitos alimentarios. “É crucial que a Xunta poña especial interese en que alí se consuman produtos de proximidade, non só da agricultura e a gandería, senón tamén da pesca”, apuntou, insistindo en que os menores deben acostumarse a consumir peixe galego.

O Grupo do PSdeG traslada que tamén impulsou diversas iniciativas para reclamar unha maior presenza das capturas dos barcos galegos nos menús escolares. “Estamos aquí para apoiar a toda esta xente e empresas vinculadas aos produtos da nosa terra, que son esenciais para o futuro económico de Galicia. Traballaremos para que estes emprendedores sigan contribuíndo á economía que necesitamos”, concluíu Abalde.

⚙ Configurar cookies
0.1606650352478