O PSdeG reclama no Parlamento a reparación inmediata dos centros educativos de Betanzos

ACoruñaXa
A iniciativa busca aclarar se a Xunta ten previsto acometer de forma inmediata as obras no CEIP Francisco Vales Villamarín e nos IES Francisco Aguiar e As Mariñas
psoe-betanzos
11 Jun 2025

O Grupo Socialista levou ao pleno do Parlamento de Galicia a situación dos centros educativos de Betanzos, cuxas deficiencias seguen sen solución dous anos despois de que o Partido Popular anunciase unha “inminente licitación” durante a campaña das eleccións municipais de 2023. A deputada socialista Silvia Longueira foi a encargada de defender unha iniciativa que buscaba aclarar se o Goberno de Alfonso Rueda ten previsto acometer de forma inmediata as obras prometidas no CEIP Francisco Vales Villamarín e nos IES Francisco Aguiar e As Mariñas.

No debate estiveron presentes, desde a tribuna de convidados, os concelleiros brigantinos Andrés Hermida (Educación) e Ricardo Cheda (Mocidade), que veñen denunciando desde o goberno local a falta de actuacións por parte da Xunta.

Silvia Longueira acusou á Xunta de facer unha “grave utilización política das necesidades das nenas e dos nenos” e denunciou que o alumnado de Betanzos e da comarca está a sufrir “un castigo” por parte da Consellería de Educación. A situación dos centros, dixo, é “dramática”, con “abandono total” malia ser “referente” pola súa calidade educativa. “A consellería nin premia o esforzo, nin premia a implicación: premia o colegueo”, criticou.

A parlamentaria sinalou que tanto o profesorado como as ANPA levan tempo advertindo da situación e denunciando “a marxinación” que sofre a comunidade educativa betanceira, ao non contar coas mesmas condicións que outros concellos nos que a Xunta si está investindo en melloras. “Por que institutos xemelgos do Aguiar contaron cunha reforma correcta, e o de Betanzos non a merece?”, preguntouse. “Betanzos ten veciños e veciñas de primeira división, igual que Arzúa”, subliñou, esixindo coñecer os criterios que segue a Xunta para decidir onde actúa.

Respecto ao CEIP Francisco Vales Villamarín, Longueira reclamou que se desbloquee o segundo bloque de arranxos necesarios para a recuperación completa do centro, que conta cun dos maiores volumes de matrícula de toda Galicia. O edificio presenta filtracións, perdas térmicas, pingueiras e problemas na iluminación. Ademais, o pavillón polideportivo do recinto sofre deficiencias que impiden o seu uso para adestramentos e competicións federadas.

A situación non é mellor no IES Francisco Aguiar, onde estudan alumnos e alumnas de Betanzos e da contorna. “Quen faga unha visita ao centro non crerá o que vai ver: pingueiras sobre instalacións eléctricas e mesmo en aulas de informática, humidades ancestrais que provocan un ambiente totalmente insalubre, cachotes que caen sobre zonas comúns…”, relatou Longueira. No IES As Mariñas, engadiu, as cubertas de uralita con amianto presentan filtracións e o illamento térmico é deficiente.

A parlamentaria concluíu lembrando que moitas das deficiencias son asumidas polo Concello, a pesar de que corresponden a competencias estruturais da Xunta. Desde o PSdeG insisten na urxencia dunha intervención que garanta a seguridade e dignidade dos centros educativos da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.16287803649902