O PSdeG-PSOE de Carral respalda á ANPA do CEIP Vicente Otero Valcárcel e únese ás súas demandas educativas

ACoruñaXa
Os socialistas comprométense a levar ao pleno municipal e ao Parlamento de Galicia as reclamacións das familias, que denuncian recortes en profesorado especialista e persoal coidador
CARRAL psoe vicente otero valcarce
9 Sep 2025

PSdeG-PSOE de Carral anunciou o seu apoio ás reivindicacións da ANPA do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel, que este martes 9 de setembro convoca unha concentración ás portas do centro para reclamar unha atención educativa digna. As familias insisten na necesidade de máis especialistas en pedagoxía terapéutica, profesorado de audición e linguaxe e persoal coidador, tras varios cursos consecutivos de recortes.

A voceira socialista local, Patricia Blanco Fidalgo, e o secretario provincial de Educación, Xosé Lois García Carballido, reuníronse coa directiva da ANPA encabezada por Ana Lastra López, á que transmitiron o seu apoio.

Segundo lembran, o centro pasou de contar con dous especialistas en Pedagoxía Terapéutica no curso 23/24 a só un no 24/25, que ademais debe compartirse con outro colexio. A situación tamén é crítica no ámbito de Audición e Linguaxe, onde se pasou de dous profesionais a un, insuficiente para un alumnado de 450 estudantes. A ANPA advirte de que con esta redución non se poden atender problemas de dislalias ou pronuncia, quedando limitado o apoio ás discapacidades máis graves.

A situación agravouse coa retirada inesperada da coidadora asignada ao centro, comunicada apenas un día antes do inicio do curso. Isto deixa sen atención a nenos e nenas que precisan axuda para tarefas básicas como desprazarse ou ir ao baño.

Ademais, a ANPA denuncia que non se está cumprindo o acordo de ratios, xa que en 4º de Infantil hai 42 alumnos cando o máximo permitido é de 40. A pesar de que a Xunta prometera abrir unha terceira liña, esta segue sen materializarse, provocando que haxa irmáns repartidos en distintos centros escolares.

Ante esta situación, Blanco comprometeuse a presentar unha moción no pleno municipal e a solicitar un pleno extraordinario monográfico para esixir á Xunta os recursos necesarios. Ademais, os socialistas avanzan que levarán estas demandas ao Parlamento de Galicia.

'Os centros educativos de Carral están saturados e esta situación só vai ir a máis', advertiu a voceira socialista, que reclamou a ampliación do CEIP Vicente Otero Valcárcel, da escola infantil Galiña Azul e do IES de Carral. Blanco lembrou que existe un compromiso da Xunta e do Concello para ampliar o colexio aproveitando as antigas casas dos mestres, actualmente en desuso, e que esta promesa debe reflectirse nos orzamentos.

⚙ Configurar cookies
0.16814088821411