O PSdeG provincial arrinca nova etapa coa renovación das executivas locais en marcha

ACoruñaXa
A CEP define en Culleredo o seu programa de traballo e aposta polo municipalismo como base da acción política
psdeg-prov
24 May 2025

A Comisión Executiva Provincial (CEP) do PSdeG-PSOE da Coruña celebrou en Culleredo a súa primeira xuntanza tras o congreso celebrado o pasado 11 de maio. O encontro marcou o inicio dunha nova etapa para a organización socialista na provincia, coa posta en marcha do calendario de renovación das executivas locais como un dos puntos centrais.

Segundo acordou a dirección provincial, este proceso deberá estar completado antes do 15 de xuño, en consonancia coa dinámica de renovación orgánica que se está a desenvolver en todo o Estado. As asembleas extraordinarias convocaranse con polo menos cinco días de antelación, e as candidaturas deberán presentarse en listas pechadas e paritarias.

Ademais, abordouse o sistema de elección de representantes nos comités nacional galego e provincial, que se realizará por voto maioritario en listas completas. Só aquelas candidaturas que superen o 20% dos votos válidos poderán obter representación, sempre que se elixan tres ou máis representantes. O proceso culminará coas eleccións das Coordinadoras Comarcais, previstas para o 29 de xuño.

O secretario xeral provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, reelecto recentemente, destacou a importancia das agrupacións locais na estrutura do partido: “Son a base do Partido Socialista, fundamentais para afrontar os retos que temos por diante”. Fernández Piñeiro fixo fincapé na vontade da nova CEP de escoitar á militancia e reforzar a presenza do PSdeG nos concellos: “O municipalismo é o gran músculo do PSdeG”.

O líder socialista puxo en valor a diversidade da nova executiva, composta por persoas de toda a provincia e de diferentes perfís profesionais: “É un reflexo perfecto da nosa cidadanía. Así evitamos calquera separación entre a dirección, a militancia e a veciñanza”.

Fernández Piñeiro concluíu cunha mensaxe clara: “Traballamos sen descanso para gañar as eleccións municipais de 2027 e manter o goberno da Deputación. Non para acumular poder, senón porque estamos convencidos de que somos a mellor opción política para Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.10958385467529