O PSdeG leva ao Parlamento as queixas polo transporte público de Betanzos

ACoruñaXa
Silvia Longueira pide á Xunta que inspeccione as incidencias, aclare atrasos e anulacións e recupere as frecuencias suprimidas na liña A Coruña-Betanzos
BETANZOS psoe
22 Jan 2026

O PSdeG-PSOE trasladou ao Parlamento de Galicia as queixas pola situación das liñas de autobús que dan servizo a Betanzos e á súa contorna. A parlamentaria socialista Silvia Longueira esixe á Xunta que investigue as causas das incidencias e que corrixa as deficiencias detectadas no funcionamento, así como a reposición das frecuencias que foron eliminadas.

Longueira sostén que a veciñanza continúa a sufrir problemas recorrentes no día a día, con “horarios que non existen e aparecen como tal’ e con autobuses que chegan ao límite de capacidade e deixan xente na parada sen posibilidade de subir. A deputada advirte de que estas situacións teñen consecuencias directas para a cidadanía, que non consegue chegar a tempo ao traballo, a citas médicas ou a outros compromisos.

A socialista afirma que, ante este escenario, moitas persoas vense obrigadas a organizarse entre viaxeiros para poder desprazarse cara a Betanzos, A Coruña ou Ferrol, dependendo de alternativas improvisadas. “É un auténtico caos que segue a asolagar a toda a cabeceira de comarca’, engade.

O PSdeG anuncia que, mediante unha iniciativa parlamentaria, instará a Xunta a inspeccionar as incidencias da liña A Coruña-Betanzos e a dar conta á Cámara, no prazo dun mes, dos atrasos e das anulacións de servizos rexistradas. Ademais, propoñen recuperar de inmediato as frecuencias retiradas nas franxas horarias de maior demanda, especialmente as vinculadas aos desprazamentos laborais entre ambas poboacións.

⚙ Configurar cookies
0.066162109375