O PSdeG leva ao Parlamento a demanda veciñal do Couto para mellorar a seguridade na AC-173

O grupo parlamentario socialista vén de levar ao Parlamento galego a reclamación histórica da veciñanza do núcleo do Couto, en Oleiros, que leva anos demandando solucións para os graves problemas de seguridade viaria que presenta a estrada autonómica AC-173. Esta vía divide en dúas o núcleo residencial e é escenario frecuente de excesos de velocidade e accidentes.
Como medida urxente, os socialistas reclaman a instalación dun radar fixo que sirva para garantir o cumprimento dos límites de velocidade establecidos. Ademais, instan á Xunta de Galicia a reducir a velocidade permitida no tramo de 70 a 50 quilómetros por hora e a habilitar un paso de peóns que permita cruzar a estrada con seguridade.
Porén, segundo denuncian, a resposta da Xunta foi a negativa a habilitar o paso de peóns, argumentando que ao tratarse dunha vía interurbana non é posible legalmente executar esa actuación. A administración autonómica ofreceu como alternativa que o Concello de Oleiros asuma a titularidade do tramo comprendido entre o porto de Santa Cruz e Arillo, proposta que foi rexeitada polo goberno local para evitar asumir os custos de mantemento.
“O problema é que mentres Xunta e Concello se botan a pelota, os accidentes seguen producíndose e a veciñanza continúa exposta a situacións de risco cada vez que ten que cruzar ou camiñar pola contorna da AC-173”, explican desde o PSdeG de Oleiros. Engaden que é habitual ver vehículos circulando a gran velocidade por este tramo, o que agrava a preocupación da cidadanía.
Desde o grupo socialista reclaman responsabilidade institucional e instan ás dúas administracións implicadas a poñerse de acordo canto antes para garantir a seguridade viaria dunha zona densamente habitada. “A pasividade non pode seguir sendo a resposta cando o que está en xogo é a integridade física dos veciños e veciñas do Couto”, conclúen.