O PSdeG esíxelle á Xunta unha reforma urxente das infraestruturas educativas de Betanzos

ACoruñaXa
A parlamentaria, Silvia Longueira, sinalou como casos urxentes o CEIP Francisco Vales Villamarín e os IES Francisco Aguiar e As Mariñas
longueira-betanzos
5 Jun 2025

A parlamentaria socialista Silvia Longueira anunciou en Betanzos que levará ao Pleno do Parlamento da próxima semana unha pregunta dirixida ao conselleiro de Educación para reclamar o inicio dunha reforma integral dos centros educativos públicos da vila. Durante a súa visita, estivo acompañada pola alcaldesa, María Barral; o secretario provincial do PSdeG, Bernardo Fernández; e o concelleiro Andrés Hermida.

Longueira acusou á Xunta de “castigar” ao alumnado de Betanzos polo seu “desleixo” fronte á situación “dramática” das infraestruturas educativas no municipio, sinalando como casos máis urxentes o CEIP Francisco Vales Villamarín e os IES Francisco Aguiar e As Mariñas. Segundo afirmou, o Goberno galego está a “marxinar” á cidadanía de Betanzos, “á que se lle nega unha educación pública en igualdade de condicións co resto de Galicia”.

Desde o exterior do IES Francisco Aguiar, a deputada preguntouse: “Por que un centro coma este, referente e con unha solvencia e un éxito moito máis que contrastado, ten este abandono por parte da Xunta de Galicia?”, lembrando que profesorado e ANPA “veñen facendo denuncias e denuncias e presentando reclamacións e reclamacións” sen que a administración actúe.

No CEIP Francisco Vales Villamarín, o PSdeG denuncia que segue sen executarse unha reforma integral comprometida, malia tratarse dun dos centros con maior matrícula de Galicia. “Teñen que padecer a cotío pingueiras, filtracións, perdas térmicas ou problemas de iluminación”, apuntou Longueira, engadindo que o pavillón polideportivo tamén presenta deficiencias e que a falta de espazo no comedor obriga a empregar o salón de actos para esa función.

No caso do IES Francisco Aguiar, 693 estudantes de Betanzos e da comarca acoden a diario a clases de ESO, Bacharelato e ciclos superiores en condicións que o PSdeG considera “inaceptables”. No IES As Mariñas, denuncian humidades polos tellados de uralita con amianto e un deficiente illamento térmico.

A alcaldesa María Barral asegurou que estes centros presentan “carencias estruturais e de salubridade de todo tipo” pola falta de atención do Goberno galego. “Non pode haber alumnado de primeira e de segunda, e por desgraza, para a Xunta, o alumnado de Betanzos parece sempre de segunda”, criticou.

Bernardo Fernández, pola súa banda, sinalou que o desleixo da Xunta “é un pouco desigual” e acusou ao Goberno autonómico de priorizar investimentos en centros “casualmente gobernados polo PP”. “Polo que levamos visto, parece que as reparacións sempre caen en centros que se atopan, casualmente, gobernados polo PP”, denunciou, reclamando “un plan estratéxico que plasme cales son os criterios que se empregan á hora de priorizar uns centros sobre outros”.

Con esta iniciativa parlamentaria, o PSdeG busca presionar á Xunta para que atenda as demandas do Concello de Betanzos e acometa as reformas necesarias que garantan unha educación pública digna e segura.

⚙ Configurar cookies
0.15672302246094