O PSdeG esixe á Xunta unha reforma integral dos centros educativos públicos de Betanzos

ACoruñaXa
O deputado Julio Abalde destacou “a marxinación que sofre a comunidade educativa de Betanzos respecto doutras zonas de Galicia”
Julio Abalde
27 Jun 2025

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia vén de reclamar ao Goberno galego que destine fondos á rehabilitación integral dos tres centros educativos públicos de Betanzos, incluídos os seus polideportivos, e que estableza unha planificación clara para levar a cabo as obras.

A través dunha proposición non de lei presentada na comisión parlamentaria, o deputado do PSdeG Julio Abalde defendeu a “urxencia” de intervir nuns edificios “que presentan notables deficiencias debido á súa idade e á falta de atención necesaria por parte da Xunta”.

Un dos casos máis significativos, segundo explicou, é o do CEIP Francisco Vales Villamarín, un dos colexios con máis alumnado matriculado de toda Galicia. Abalde lembrou que, aínda que se fixeron melloras puntuais nos últimos anos, queda pendente “un segundo bloque de obras para completar unha reforma integral que non dá chegado”. Entre as deficiencias que “padecen decotío” profesorado e alumnado, mencionou filtracións de auga, perdas térmicas, problemas de iluminación e pingueiras.

O deputado tamén alertou do estado do polideportivo situado no recinto do CEIP, cuxa cuberta presenta danos estruturais: “son paliados polo Concello pero que precisan dun investimento que enfronte unha reforma integral”, dixo. Esta situación está a provocar a cancelación de adestramentos e competicións de equipos federados da localidade.

A situación complícase tamén no servizo de comedor escolar, que sofre unha “falta crónica de espazo”. Segundo indicou Abalde, actualmente o comedor funciona no salón de actos, o que inutiliza este espazo para outras actividades educativas.

No caso do IES Francisco Aguiar, o parlamentario socialista denunciou a existencia de “pingueiras incluso sobre instalacións eléctricas e mesmo en aulas de informática”, ademais de humidades que xeran un ambiente insalubre e caídas de cachotes nas zonas comúns.

No IES As Mariñas, os problemas céntranse nas cubertas de fibrocemento con amianto “moi deterioradas”, xunto con un illamento térmico deficiente e humidades persistentes.

Abalde concluíu que todos estes problemas evidencian “a marxinación que sofre a comunidade educativa de Betanzos respecto doutras zonas de Galicia” e instou á Xunta a poñer fin a estas desigualdades, reclamando que deixe de tratar a cidadanía “como de primeira e de segunda en función de onde vivan”.

⚙ Configurar cookies
0.14695811271667