O PSdeG de Oleiros esixe unha moratoria para as macro-promocións urbanísticas

O PSdeG de Oleiros levará ao próximo Pleno municipal unha proposta para suspender temporalmente a concesión de licenzas a grandes promotores inmobiliarios, denunciando que o actual ritmo de construción está a agravar os problemas estruturais do municipio. A formación socialista acusa ao Goberno local de permitir un crecemento urbanístico insostible, á vez que recoñece que nin o abastecemento de auga nin os servizos públicos son suficientes para facer fronte a novas promocións.
Desde o PSdeG lembran que foi o propio alcalde quen admitiu publicamente que “a rede actual de abastecemento é insuficiente” para garantir o subministro ás novas urbanizacións proxectadas na comarca, entre as que se inclúe Oleiros. A pesar diso, critican, o executivo local continúa autorizando máis proxectos residenciais a gran escala.
Os socialistas alertan de que esta expansión descontrolada está a ter consecuencias moi negativas para a veciñanza: redes de saneamento ao límite, atascos diarios, centros educativos saturados e falta de infraestruturas sociosanitarias como centros de día ou residencias. Ademais, sinalan que estas promocións masivas non benefician á cidadanía, senón “aos especuladores”, aos que —recordan— o goberno local baixou o IBI un 90 %, mentres que aos veciños se lles subiu un 10 %.
“O modelo actual está expulsando aos veciños de toda a vida e encarecendo o acceso á vivenda”, denuncian. Neste sentido, apuntan que desde que o partido do alcalde obtivo a maioría absoluta en 2011, reduciuse un 530 % a reserva de solo para vivenda protexida, pasando do 33,86 % ao 6,4 %. Para o PSdeG, este é un dato “demoledor” que evidencia unha política urbanística “antisocial” e deseñada ao servizo de intereses privados.
Desde a formación socialista apóstase por un modelo urbanístico máis sostible e centrado nas necesidades reais da poboación: “Queremos favorecer a vivenda social e a concesión de licenzas para familias, non seguir alimentando un modelo depredador que hipoteca o futuro do concello”.
Reordenación do servizo de taxis no Concello e na área metropolitana
A iniciativa socialista incluirá tamén unha proposta para mellorar a mobilidade no municipio e na contorna. O PSdeG proporá no Pleno unha reorganización do servizo de taxi, instando a unha coordinación entre os concellos da área metropolitana para permitir unha maior permeabilidade dos vehículos entre diferentes municipios.
A proposta inclúe a creación de mesas de traballo multilaterais con todos os sectores implicados para pactar medidas que poidan aplicarse nun período de proba, cun seguimento que permita avaliar o impacto e facer axustes. “A reorganización dos taxis pode mellorar a eficiencia do servizo, especialmente nun contexto de mobilidade cada vez máis complexo”, apuntan.
Desde o PSdeG conclúen que estas propostas buscan “frenar os pelotazos urbanísticos” e “apostar pola calidade de vida da veciñanza”, promovendo un modelo de concello máis xusto, equilibrado e centrado nas persoas.