O PSdeG de Oleiros denuncia o "abandono crecente" dos espazos públicos

O PSdeG-PSOE de Oleiros vén de denunciar publicamente o "deterioro progresivo" dos espazos públicos do municipio, salvo a excepción da recta de Bastiagueiro, destacando unha situación que cualifican de "auténtica vergoña". Os socialistas critican duramente a xestión do Goberno local en materia de limpeza e mantemento, sinalando tanto o estado da vía pública como a forma na que se contratan os traballos de conservación.
"A suciedade arredor dos contedores é unha constante por todo Oleiros e estamos a falar dun dos contratos máis caros do Concello", denuncian desde o PSdeG. Engaden, ademais, que se trata dun contrato de 4,5 millóns de euros que foi anulado hai un ano polo TACGAL "por gravísimas irregularidades na súa adxudicación".
Segundo o grupo socialista, a limpeza das rúas é deficiente, os contedores están sucios e os seus arredores sen limpar. Critican que o Concello "lava as mans e invita aos veciños a denunciar aos infractores, abdicando da súa responsabilidade, porque os incívicos tamén votan, e se os sancionan directamente eles pódense enfadar". Advirten tamén da perigosidade dalgúns residuos: "Acumúlanse cristais rotos e outros residuos perigosos durante días e semanas enteiras, ata que un día haxa unha desgracia".
O mantemento das infraestruturas, especialmente dos paseos e zonas de madeira, tamén é obxecto de denuncia. "Non se tratan e non se coidan ata que apodrecen e hai que cambialos, sempre aos poucos para facelo con contratos menores adxudicados a dedo ás empresas de sempre", afirman. Como exemplo, lembran que "hai unha semana puxeron unha cinta sinalizando as madeiras rotas na rúa Xeral Gutiérrez Mellado", sinalando ademais que "a maioría das escaleiras e varandas desta rúa e arredores están igual ou peor por falta de mantemento".
Desde o PSdeG lembran que presentaron propostas para mellorar esta situación. En abril de 2024 levaron ao pleno unha iniciativa para reorganizar os contratos de mantemento co obxectivo de "mellorar o servizo, reducir custos e limitar a contratación discrecional". A proposta socialista contemplaba dividir os traballos en: Execución de Traballos Ordinarios (mantemento programable e non programable) e execución de Traballos Extraordinarios.
Os traballos estarían desagregados en unidades de obra previamente valoradas, cun sistema de certificación mensual e prezos acordados. "Este procedemento permitiría aforrar moito ao licitar conxuntamente todas as pequenas obras de reparación e mantemento, e sería moi áxil posto que as empresas, se non fan traballos por medición, non cobrarían", explican.
Con todo, critican que "Alternativa dos Veciños non quixo aprobar a nosa iniciativa, porque está moito máis cómoda troceando estas actuacións en pequenos contratos que ao non licitalos poden adxudicarse sempre, curiosamente, ás mesmas empresas".