O PSdeG de Oleiros denuncia irregularidades na adxudicación dun contrato de urbanización

ACoruñaXa
Os socialistas denuncian erros na valoración técnica e económica que poñen en dúbida a transparencia do proceso
Casa do Concello de Oleiros
19 May 2025

O PSdeG-PSOE de Oleiros vén de advertir da existencia de irregularidades e erros de bulto na adxudicación do contrato 2024/CONTRAT/000131: Obras de urbanización para o desenvolvemento do SUD-2 “Xentiña”, cun importe total de 4,5 millóns de euros.

Segundo sinala a formación socialista, a primeira das irregularidades está na valoración da parte técnica. A persoa que informa resolve a puntuación técnica nun documento de apenas tres folios, sen desglosar as puntuacións dos diferentes apartados que levan ás conclusións finais. Tras unha breve exposición do método, indícase directamente a puntuación final de cada unha das tres empresas que se presentaron, sen razoamento punto por punto.

A formación denuncia que a falta de motivación e detalle non pode estar amparada pola discrecionalidade técnica, xa que vulnera os principios de igualdade e transparencia que deben rexer calquera resolución administrativa. Indican que unha empresa acadou case o dobre de puntuación que outra, o que deixaba practicamente adxudicada a licitación antes mesmo da apertura da oferta económica, algo que esixiría maior esforzo de concreción e detalle pormenorizado.

A segunda irregularidade sinalada polos socialistas produciuse ao valorar as ofertas económicas, segundo se recolle na páxina 4 da acta de adxudicación. A puntuación obtida por cada empresa calcúlase a partir dunha fórmula matemática recollida nos pregos. Con todo, a aplicación desa fórmula reflicte un erro de cálculo que, segundo o PSdeG, podería alterar o resultado da adxudicación.

Concretamente, sinalan, a oferta máis baixa, de 4.338.334 euros con IVE (López Cao), obtivo 13,72 puntos. A seguinte máis baixa, de 4.463.441,42 euros con IVE, recibiu 3,04 puntos, mentres que a oferta máis cara, de 4.545.207,05 euros con IVE, obtivo 7,70 puntos. Aplicando correctamente a fórmula recollida nos pregos, á segunda mellor oferta lle corresponderían 10,08 puntos, non os 3,04 que figuran na acta, o que supón un erro de 7,04 puntos.

Desde o PSdeG consideran que, aínda que este erro non parece afectar directamente á adxudicación final, é grave a actitude neglixente de non ser coidadosos cando se trata de xestionar cartos públicos, especialmente en contratos de gran contía como este.

Lembran ademais que os contratos máis caros de mantemento en Oleiros, como o de xardinaría e o de limpeza viaria, tiveron reparos de intervención en 2024 por non axustarse á Lei de Contratos do Sector Público. Engaden que este non é un feito illado, xa que o ano comezou coa anulación da adxudicación do contrato de limpeza viaria por parte do TACGAL por "graves irregularidades na súa adxudicación", tamén por un importe de 4,5 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.052537202835083