O PSdeG de Oleiros denuncia “acoso urbanístico” ao redor da praza Esther Pita

A Agrupación Socialista de Oleiros (PSdeG-PSOE) vén de lanzar unha dura crítica contra o proxecto urbanístico promovido nos arredores da praza Esther Pita, en Santa Cruz, que, segundo denuncian, suporá a desaparición da zona verde e a construción de dous bloques de vivendas que afectarán negativamente ao núcleo tradicional da zona.
Segundo o PSdeG, “arredor da praza de Esther Pita hai un núcleo tradicional de construcións baixas que de repente van verse, literalmente, acosadas e engullidas por unhas construcións moito máis altas que lle tapan as vistas. Todo grazas ao apoio de Alternativa dos Veciños”.
O proxecto contempla a edificación de dous bloques de máis de 12 metros de altura, que, en palabras dos socialistas, suporán unha agresión paisaxística considerable. A agrupación destaca que “a totalidade da zona verde que vai dende a Rúa Repicho ata a praza vai quedar engullida por dous moles de vivendas de máis de 12 metros de alto. Noutro lugar poderían non ser edificacións moi altas pero, a comparación, sumada á diferencia de cota entre a Rúa Repicho e a praza de Esther Pita fai que sexan auténticas moles”.
O impacto visual e urbanístico, especialmente no caso do edificio denominado P2, é considerado polo PSdeG como "moito maior", e aseguran que “polo menos este debería ser eliminado para evitar un dano irreparable”.
Ademais, denuncian a perda do espazo público usado tradicionalmente para as festas de Santa Cruz, xa que se proxecta a construción dun garaxe subterráneo baixo a praza. “É dicir, non so eliminan o espazo verde que se usa para as festas de Santa Cruz, senón que por riba ao facer un subterráneo, tampouco van poder poñerse trailers cos escenarios ou camións enriba da praza por risco de afundimento”.
O PSdeG vincula directamente esta actuación co que cualifican como unha campaña de obstaculización das festas por parte do goberno local. “Alternativa dos Veciños leva dous anos intentando acabar cas festas de Santa Cruz e poñéndolles as cousas moi difíciles aos membros da comisión de festas. E isto é un paso máis nesa liña vengativa e autoritaria ca que exercen o poder”.
Neste contexto, os socialistas formulan unha proposta alternativa que permita evitar a expropiación: “Propoñemos, para non chegar á expropiación, a permuta do aproveitamento da edificabilidade por parcelas do Concello”. Con esta medida, aseguran que se podería “consolidar e adecentar a zona verde, e ser coherentes e facer o mesmo que piden para os terreos do porto en Coruña: espazo público e verde”.
O PSdeG conclúe a súa denuncia criticando que o Concello “se poña de novo a servizo dos intereses do ladrillo especulativo” e sinala que hai “unha oportunidade única para mellorar a zona”.